Amosando publicacións coa etiqueta Pol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pol. Amosar todas as publicacións

28.9.24

Ribadeo segue a recuperar a tradición dos baños de setembro

A moderadora Noemi Díaz Orol iniciando o parladoiro

Os pasados 14 e 15 de setembro desenvolvéronse na vila ribadense as II Xornadas Baños de mar.
O sábado pola mañá, presentado e moderado por Noemí Díaz Orol, houbo un parladoiro no que participaron, de xeito presencial ou telemático, diferentes canouras que nos anos cincuenta do século pasado, achegábanse a Ribadeo, para tomar os nove baños setembrinos, desde as terras do interior da provincia luguesa.
Previamente a propia moderadora fixo unha documentada introdución histórica sobre os inicios dos baños de mar, dando paso aos diferentes relatores que foron debullando a historia das canouras desde as súas propias vivencias. 
Puidemos escoitar a Milagros Rodríguez Bargueiras do Marco de Álvare (A Pastoriza) e a Marina Díaz Irimia de San Martín de Lúa ( Pol). 
Asemade tamén achegaron as súas impresións Susana Álvarez, filla de Milagros, e María del Carmen Pulpeiro, Carmucha de Pichón , ribadense que non perdoa un día de se bañar na praia do Cargadoiro, cos seus tres chopes de auga mariña incluídos, sobriña dunha das mulleres que acollían no seu domicilio algunha das canouras que viñan a Ribadeo.

Na mesa á esquerda Carmucha de Pichón, Susana Álvarez e Raúl Puelles

Como algunha destas bañistas facían uso da caseta de baños “La Cantábrica”, tamén participou no parladoiro Raúl Puelles, familia directa dos derradeiros propietarios da casa de baños e que atesoura algunha das pertenzas da citada casa ( desde a maletiña do doutor ata un salvavidas...) e, o que é máis importante: a memoria viva deste espazo salutífero que en tempos funcionou en Porcillán.

Obxectos da caseta de baños "La Cantábrica" 


Así entre lembranzas da Chocolateira: a súa escasa potencia que lles permitía aos viaxeiros baixar en marcha e volver a subir con toda tranquilidade; das mulleres que seguramente temerosas polo descoñecemento deste medio de transporte “cubrían a cabeza cunha bolsa para evitar ver correr as árbores”, puidemos revivir aquelas viaxes destas bañistas montañesas que ás veces traían canda si algún fillo ou filla.
É o caso de Milagros que empezou a vir aos baños con catorce anos e posteriormente botou mozo na vila costeira casando e pasando a residir no propio Ribadeo, traballando unha pequena tempada na propia Casa de baños, nos derradeiros anos dos sesenta que foi cando cesou a súa actividade.
Recuperamos a memoria do miradoiro situado no que daquela chamaban Gurugú (1), que é o lugar no que hoxe está o restaurante San Miguel, na chamada punta de don Federico; accedíase desde a propia Casa de Baños por un pequeno paseo.

O miradoiro na Punta de don Federico

Milagros, que como xa dixemos traballou en “La Cantábrica” vería as bañeiras de fundición chegadas de Francia con pés en forma de gadoupas e que acollían aos e ás bañistas que facían uso da tarifa de baños máis elevada; os baños dábanse previa prescrición facultativa.
Raúl tamén deu un pequeno repaso a elementos singulares do antigo Ribadeo: o uso dos Raios X ( primeiros empregados na provincia) o ascensor da Torre dos Moreno ( tamén o primeiro instalado na provincia), a fábrica de xabón “El Eo”, propiedade da súa familia... 

Factura da empresa de xabóns ( Todocolección.net )

En resumo, home que merece un aparte pois é memoria viva da vila. 
Como tamén son memoria estas, nosas canouras: Marina da que xa fixemos una transcrición nestoutra entrada, completou no parladoiro a información dando detalles dos seus paseos en lancha pola ría.
Contaba a mantedora que estas mulleres tamén facían o que hoxe demos en chamar “turismo activo”. Efectivamente, de xeito puntual algunha canoura aproveitaba que na casa onde pasaban eses nove días, tiñan lanchiña “pra ir a navegar” e os homes das caseiras ofrecíanse a facer de balde estes paseos.
Susana pola súa parte facendo memoria da súa avoa ribadense contou as picaradas que lles facían ás pobres das canouras: cobrarlles unha peseta por sentar nos bancos da praza, coserlles mentres asistían a misa os mantelos entre si... falcatruadas que indicaban a mala relación que por parte dos vilegos mantiñan en xeral coas canouras, que eran tratadas despectivamente.
Dalgún enfrontamento verbal somos coñecedores e tamén do interese por evitar estas confrontacións por parte das familias acolledoras... non querían perder clientas que deixaban algún carto que axudaba a economía familiar.
No Cargadoiro dispostas a se dar o perceptivo baño

Despois deste intercambio de lembranzas e anécdotas, un grupiño achegouse ao Cargadoiro para iniciar os nove baños rituais que remataron o domingo 22. 
Na Fonte nova, na visita guiada por Noe Díaz Orol

O día seguinte houbo unha visita guiada polas rúas da vila nas que recende aínda o aroma destas canouras e, xa pola tarde logo do baño e xantar campestre, houbo tempo para narracións e circo, rematando cun concerto de Fanfarria Taquikardia.

Actuación de Fanfarria Taquikardia


Esperamos que este intento de recuperación dos baños sexa un feito e que esta incipiente actividade de recuperación da memoria das canouras se converta tamén en tradición. Paga a pena!
A idea de momento é completar en próximas entradas a información recollida no parladoiro, engadindo algunha achega máis de antigas canouras.

Notas:
(1) O Gurugú, monte que domina Melilla e escenario dunha derrota das tropas españolas en 1909, é nome de uso popular para indicar lugares altos.

3.1.24

Memoria dunha canoura de Pol

Hórreo en San Martín de Lúa ( Pol)

Como memoria viva de canouras que ían a Ribadeo tomar as augas, achegamos unha transcrición do narrado por María Marina Díaz Irimia... que a principios dos cincuenta como canouriña ía canda a súa nai ata a vila ribadense para realizar os pertinentes baños de setembro.
Os audios poden escoitarse nesta ligazón. 
"Eu son María Marina Díaz Irimia, nacín o vinte de febreiro de mil novecento corenta e sete nun puebliño de interior de Galicia chamado San Martin de Lúa, pertence ao concello de Pol.
Desde moi pequena, exactamente desde os dous anos, fun aos baños a Ribadeo ata a idade de nove anos. 
Acompañábame..., ía sempre coa miña nai. Como aquí non había coche de liña nin carretera tiñamos que ir a Meira a coller o coche de liña. Levábanos meu pai e iamos da cabalo... uns da cabalo e outros andando porque todos non podiamos ir a cabalo para levar as cousas necesarias para vivir alí, en Ribadeo.
Estabamos cunha señora que tiña un home que era mariñeiro, ía ao mar... e ela dedicábase a ter xente na súa casa. 
Nós levabamos unha habitación alquilada con dereito a cociña. Tomabamos o primeiro baño o dia de chegar porque eran nove os que dicían que había que tomar para que fixera efecto, e volvíamonos a bañar tamén o día de volver aínda que xa ás tres e media volvía saír o coche outra vez para Meira. 
O día de ir, meu pai quedábase e volvia para casa para facer as tarefas da casa. 
O día de volver ianos buscar a Ribadeo e aquel dia, pois iamos comer coa señora e co home a algun sitio, a algunha fonda...
Habia xente que en vez de ir ao mar a bañarse ía ás augas quentes, que eu tampouco sei onde eran naquel tempo...
E, se por exemplo, tiñan unha nena que era da miña edá,... miña nai bañábaa comigo no mar... se era máis ou menos da miña idade. Adoitabamos ir normalmente a última semana de agosto collendo un día ou dous de setembro... porque deixabamos os nabos botados e viñamos a tempo de facer a malla que adoitaba ser a partir do dez de setembro.
Isto dicían que era moi favorable pra a salú, que evitaba moitos males... sobre todo da pel.
Estabamos aproximadamente... marchabamos ás dez para a praia, estabamos ata unha ou unha e media; despois pola tarde asi que comiamos descansabamos un pouco e despois volviamos outra vez a andar pola area ... ainda que non nos bañásenos.
Entroido en Santalla ( Ribeiras de Piquín). 1967

E... bueno, sempre había xente coñecida... concretamente dun pueblín cercano ao noso que se chama Santalla 
pertence a Ribeira de Piquín, de onde é nativa a Susana Seivane tan coñecida hoxe. Tamén ían sempre unhos señores que tamén adoitaban estar onde estabamos nosoutros; era un señor que tiña moitos problemas de pel e dicía que desde que empezara a ir aos baños se puñera moito mellor."
Achega significativa que fai a informante á que engade un trazo sociolóxico relacionado co uso diglósico da nosa lingua ( o que vale para nos comunicar entre nós, non serve para relacionarnos coa  poboación vilega:  
"Nun deses anos da miña nenez, con catro anos aproximadamente...
Eu sempre me levaban un balde e unha pala e un angazo para apañar conchas e xogar na area,... facer castelos e diso.
E entonces, claro! daquelas non era nada bonito falar o gallego... e miña mai mandábame... non estaba ben visto que se falara o gallego, e entonces miña mai mandábame falar o castellano...
E dicíame:
--Se che pregunta alguén que tes aí? (cando estaba xogando) dicíame: "un cubo y una pala para recoger arena".
Efectivamente: eu sabíao dicir moi ben... pero acto seguido dicía 
Un balde y una pala , una paleta... pra recoller area."