Amosando publicacións coa etiqueta mantidas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mantidas. Amosar todas as publicacións

11.12.23

Francisco Calo Lourido da súa "Cultura mariñeira"


Fixemos mención nunha entrada anterior ao traballo de Xaquín Lorenzo sobre os baños das labregas no mar, feito o estudo no ano 1969. (ver ligazón) Hoxe achegamos, da man de Raquel Queizás, o traballo feito por Francisco Calo Lourido sobre Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández, no Boletín nº 365 da R. Academia Galega e que leva como título "Cultura mariñeira". ( pódese ler aquí )
Despois de repasar as publicacións de Xaquín Lorenzo sobre o mar  chega ao seu traballo "O mar terra adentro" e indica:
(...) publica un artigo (...) no que anuncia que non pretende “eiquí esgotal-o tema, mais sí quero dar algunhas mostras de esta presencia do mar na terra adentro” (...).Empeza falando dos bañistas da montaña que ían tomar os baños de augas de mar e dinos que lles chamaban poubanos. Cando nós eramos picariños, aínda coñecemos moi ben xente desta que viña ó Porto do Son, así como as casas de baños onde se lles quentaba a auga (non era normal que nin eles nin os naturais se bañaran directamente no mar) (1), agora ben, nós falabamos sempre das mulleres e, polo tanto, en feminino.(...) Fai Calo referencia ao traballo de Bouza Brey do que xa falamos noutra entrada e indica que mantidas é o que empregabamos no Porto do Son. Deducimos, xa que logo, que os da zona ourensá non frecuentaban a nosa ría.
Poderiamos nós contar anécdotas relacionadas coas mantidas, pero o que ignorabamos é o que se nos narra neste traballo: cando volvían ós seus lugares de orixe, continuaban a facer as prácticas curativas prescritas polo médico, escoitaban o mar nos cornos que levaran de recordo e, polas noites, falaban do trasno, das bruxas e do mar, así, todo no mesmo plano, proba evidente de que o mar era para eles un mundo tan estraño e ignoto que figuraba no seu imaxinario ó mesmo nivel que as bruxas e o trasno.

(1) Pode semellar raro, pero a práctica de se bañar e nadar no mar é recente; agás excepcións, non vai máis alá da nosa infancia, pola metade de século. Os mariñeiros, sempre no mar, era habitual que non souberan nadar e, aínda hoxe, tivo que se poñer obrigatoria unha demostración de saber, cando menos, dar dúas brazadas para conseguir o elemental título de competencia mariñeira, imprescindible, hoxe, para traballar profesionalmente no mar. Pola contra, para ningún dos títulos de embarcacións de recreo se esixe coñecemento ningún de natación. 

Ata aquí parte das reflexións de Calo Lourido , nós así o transcribimos.
Para ilustrar a entrada engadimos unha fotografía do Arquivo do P. Gaite de un grupo de rapaces bañándose na praia "de la Sagrada" no Porto do Son. 
A fotografía indica que está feita entre  os anos 1910 e 1920.
Correspóndese coa punta da Atalaia do Son, onde se encontra a capela da Nosa Señora da Misericordia, chamada vulgarmente a Sagrada.
A fotografía é do muro de facebook da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego.  

7.11.23

De guías, bañistas, montañesas, ordenanzas,...

A preocupación pola interacción saúde-hixiene e polo uso da auga como elemento terapéutico vén de vello.
Xa na segunda metade do XVIII podemos ler manuais que dan indicacións ao respecto. 
Temos noticia de que o propio Gaspar M de Jovellanos, recluído no Castelo de Bellver a principios do s XIX  solicitaba permiso real para poder tomar baños de mar dado a súa precaria saúde.
E de seguro a cousa vén de moito máis atrás.
Lembremos os nove baños da Lanzada sen saír da casa: a súa orixe pérdese na noite dos tempos; sen pararnos no uso curativo e máxico das fontes que percorren a xeografía do noso país (queda para outra entrada).
Houbo máis libriños dedicados ao uso correcto das augas, sobre todo as medicinais dos diferentes balnearios peninsulares. 
O primeiro que atopamos, nós, con inclusión dos baños salinos correspóndese coa publicación no ano 1852 dunha Nueva guía del bañista en España escrita por Aureliano Maestre de San Juan. 
Evidentemente ten que haber publicacións anteriores (o adxectivo nueva) non deixa lugar a dúbidas.
Pero vale este como inicio, nel (1852 repetimos), faise unha relación dos lugares máis frecuentados polos bañistas neses tempos en toda a costa  e xa aparece Ribadeo ( único da provincia de Lugo) ao igual que Castropol do outro lado da ría.
O concepto bañista está claro; o que non está tan nidio é a diferenza entre un ou unha aséptica bañista, que seguen as modas da nobreza borbónica e a burguesía en Santander ou Donostia,  e as nosas labregas que coa súa suor daban chegado a tomar os seus terapéuticos baños cando o verán empezaba a declinar.
Dicimos isto, porque en innumerables lugares vemos fotografías que non fan diferenza e mesmo chaman a confusión.
Para mostra 2 fotografías do fb "Fotos antiguas de Vilagarcía de Arousa":

A de arriba claras mantidas (bañistas labregas) e a de abaixo simples bañistas que aproveitan o verán para tomar salutíferos baños; pero nin as roupaxes, nin o tempo (deixan as praias cando chegan as mantidas), nin os posados correspóndense coas humildes "montañesas" que nos ocupan.

O que si sabemos con certeza é que os baños de mar que se foron, como estamos vendo, xeneralizando, crearon algúns problemas de convivencia nos areais, que tiñan que ver co decoro e a moralidade: os "bos costumes". 
As cousas foron cambiando ao longo dos anos pero ao principio cando se asentou o hábito dos baños de mar, os concellos tiveron que establecer normativas estritas e incluso diferenciar zonas de baño dependendo dos sexos... e engadir as prohibicións correspondentes ás citadas medidas.
En 1861 Ribadeo (o concello) dita unhas normas ( chegan a nós da man de Alberto Paraje a través de Noemi Díaz Orol ) para tentar de acoutar zonas de baño e mesmo tempo de permanencia nos lugares designados
Situémonos a mediados do s. XIX e dar lectura a algunha das citadas ordenanzas esquecendo o presentismo

Estas normas eran esixidas polos bos cidadáns e servían de ferramenta electoral nas diferentes contendas. A prensa local das diferentes vilas mariñeiras están trufadas de sesudos artigos argüíndo a necesidade de atallar a excesiva voluptuosidade das bañistas, as inmoralidades e certas indecencias.
Por certo! sempre poñendo o ollo no papel que xogan as mulleres.
Estes próceres, claro está, no seu deber de vixilantes seguro acudían prestos a ver que se cocía nos areais; non por regalar o ollo, en absoluto!, como labor informante para despois do café e a partida, poder opinar e enviar o artigo con máis detalles á prensa local. 
Quen desexe consultar máis polo miúdo as Ordenanzas completas pode facelo nesta ligazón



31.10.23

Da literatura oral e as bañistas de setembro ( II )


Xa vimos nunha entrada anterior unha cantiga vixente en Vilaxoán, das poucas que atopamos relacionadas co tema que tratamos:

Somosche de Vilaxóan
a terra das revenidas
onde se canta moi ben
e se bañan as mantidas.
Seguindo o avanzado na entrada anterior achegámonos agora a Ribadeo. O enxeño popular para xerar coplas, alcumes e demais xogos lingüísticos chocalleiros ou burlóns, nesta vila é manifesto. Basta con ler números da Comarca ou de Riberas del Eo, publicacións hoxe unidas na Comarca del Eo e mesmo en outras do lado asturiano da ría para confirmar o que aquí se expón. 
Pois ben, nalgunha biblioteca da veciñanza e gardadas como verdadeiros tesouros (sono), ben mecanográfadas ou ben manuscritas, hai memoria de vellas coplas atribuídas a un par de zapateiros de vello, da vila.
Un dos autores, xa confirmado, é Carnota, Daniel Carnota (Daniel da Lancha); co taller na rúa de San Miguel. Son moitas as súas enxeñosas punzadas  que actualmente podemos ler nas redes sociais do concello ribadense.
Nós paramos nunha delas que fai referencia directa aos canouros ( neste caso a invectiva é cara un home)
Un canónigo dos baños 
nas orellas ai que pinta! 
mais que orellas parecían 
calamares en su tinta! 
Curioso ademais a referencia a canónigos, co que queda demostrado que tamén por Ribadeo usábase, aínda que menos, este despectivo para facer alusión aos bañistas setembrinos.
A citada copla chegou a nós a través de Fátima Solloso Irimia. 
Remexendo pola nosa conta demos con outro folio que non sabemos moi ben como chegou a nós pero si que indica (pódese ver ampliando a imaxe que acompaña esta entrada) que a autoría é de Carlois, zapateiro, tamén , pero este situado en Reinante, no que é hoxe a tenda de fotografía Suso (o seu fillo).
O folio leva por título Ribadeo visto por fóra; unha das coplas que aparecen neste texto fala directamente dun bañista e di
Un vello que viña aos baños 
arrastrado pola mofa 
 o meteron de cabeza 
 no portal da Garabata (sic) 

Quedamos coa dúbida, que se cadra resolvemos máis adiante,  de que sexan distinto autor. Os papeis terman do que se lles pon e nada imos obxectar.
A nosa achega ao respecto incorporámola aquí, pois acae ben e, dalgún xeito, é deixar pegada dixital de oralidade. Os folios andan ciscados por aí pero din:

Xa están a chegar as festas 
estan chegando as canouras 
Vén o tren de Vilaoudriz 
ateigado coas súas cestas.

Xa se ven polo Cantón 
sentadiñas coa calceta,
escoitando moi atentas 
a música das orquestras.

Levarán algún recordo 
cando marchen pra as súas terras? 
Algún botello de auga
e se poden unhas medias.

Algunhas de ben arriba 
das que lles din montañesas,
aproveitan a viaxe 
pra levaren sal nas cestas.

As canouras ben merecen 
ter lugar entre os turistas 
que viñan a Ribadeo 
darse baños sen ser vistas 

De literatura oral ás fotografías das bañistas de setembro ( I )


Non é moi doado dar con fotografías das bañistas que desde o interior chegaban a nosa costa para se dar os saudables baños de setembro.

Non sabemos se as medidas que as diferentes ordenanzas dos concellos, regulando baños e lugares permitidos para uns e outras  impedindo a mestura de sexos, facía que os posibles fotógrafos tivesen dificultade de acceso para obter instantáneas, ou fose simplemente desinterese por parte dos fotógrafos; o caso é que poucas imaxes temos.

Esta en concreto do Arquivo do Padre Gaite recolle o baño dunhas mantidas na praia da Corna ( entre Palmeira e a Pobra do Caramiñal) descoñecemos data, e mesmo a súa publicación na rede xerou controversia pois hai quen sitúa a fotografía na praia de Areas Gordas na Lanzada.

Por testemuño directo dunha boa coñecedora da zona: María Dolores Domínguez, viguesa con orixes na Pobra e usuaria todos os veráns do citado areal, podemos afirmar que aínda que si está certemente descoñecida é a praia indicada. 

Por outra banda ben sabemos que a literatura popular da man de poetas, fistores e regueifeiros foi sempre un fiel reflexo da sociedade na que é creada. Exemplo emblemático témolo na  coñecida:

"Chamáchesme moreniña
á vista de tanta xente,
agora vaime quedare 
moreniña para sempre"

A denuncia dunha moza nuns tempos nos que a cor bronceada non tiña o valor social que ten hoxe; os morenos e morenas eran xentes labregas e traballadores que andaban expostas ao sol, mentres burguesía e nobreza tapaban a pel para lucir brancura permanente ( lembremos a orixe do "sangue azul", precisamente nesa brancura da pel que permitía ver as veas)
Esta muller destoutra fotografía cumpre cos preceptos de cubrición, mesmo con parasol, para evitar os raios de sol na antiga praia de Cabanela, en Ribadeo ( foto do muro de fb Litoral ribadense). Deducimos polo mesmo que non se trata de ningunha canoura, antes ben algunha muller da burguesía vilega ou veraneante.
En próximas entradas ampliaremos o tema


25.10.23

As mantidas

As mantidas
El baño 

Con estes cadros de 1970 pintados por Antón Rivas Briones, propiedade de A Fundación de Abanca iniciamos esta entrada para falar das bañistas que "desde Arzúa e Melide" e seguro máis lugares  do interior achegábanse no mes de setembro a Vilagarcía, Vilaxoán ou Carril  ( xuntamos as tres localidades que no seu momento foron concellos independentes, para formar parte hoxe de Vilagarcía de Arousa) a tomar os baños, facíano en praias como A Hortiña no barrio do Castro (Vilagarcía) que desapareceu coa construción do Porto, na das Canelas (Vilaxoán) e na praia da Concha as máis pudientes que visitaban o balneario alí instalado e mesmo algunhas facían uso das súas instalacións.
Escribe Luis María Salgado Sáenz falando do balneario “La Concha de Arosa” que  admitía a todas as clases sociais: " A partir del mes de septiembre, preferentemente, acudían al establecimiento los/as llamados/as “mantidos/as” -visitantes asiduos tambíén de los balnearios de Caldas-, después de la marcha de la pléyade de forasteros que veraneaban en Vilagarcía. 

Eran gentes venidas de pueblos o aldeas de la Galicia interior que, en un principio, con sus atuendos característicos entraban indecisos en el mar y hacían piruetas para vestirse y desvestirse sobre la arena, pero que poco a poco fueron modernizándose, pues también la moda llegaba tierra adentro, y usaron maillots de nylon o espuma que les permitía vestirse sobre él, por secarse este rápidamente, una vez terminado el baño, tal vez prescrito por el médico. 

A algunos, más finos y clasistas, no les gustaba la inmensa avalancha de labradores que según ellos ensucian el mar, invaden las casas en las que duermen, en un montón de paja, más de una docena de mantidos, y toman por asalto los únicos asientos disponibles en la Alameda de Vilagarcía, en las noches en que la orquesta de los señores Manzano y Valverde dejan oír sus acordes"

Como observamos, o cariño dos propios coas bañistas é compartido na maioría dos lugares, sexan mantidas. canouras , poubanas,...

Esta "Concha de Arosa" foi inaugurada en xullo de 1888 pero xa en Vilagarcía funcionaba outra rexentada polo señor D. Ramón Montilla desde 1877: Casa de baños Montilla



Algunha veciña de idade de Vilagarcía ( nacida o ano da guerra ) lembraba no 2013 en La Voz de Galicia que "en setembro  vía chegar ás mantidas (chamábanas así) que cos seus camisóns parecían un cadro de Sorolla" 

Como testemuña oral destas mantidas, en Vilaxoán seguen cantando todos os agostos nas festas das revenidas ( sardiñas propias da zona)

Sómosche de Vilaxoán
da terra das revenidas
onde se canta moi ben
e se bañan as mantidas

E certamente parece que empregaban a praia de Canelas para tales mesteres.

As fotografías do balneario e das mantidas no interior do mesmo pertencen a Caldas de Reis e Salgado

O anuncio foi publicado nos primeiros días de agosto do ano 1877 en " El Diario de Santiago"

23.10.23

Xove


Nun artigo de Marco López en LaVoz de Galicia con data 3 de setembro de 2011, baixo a epígrafe de
"Os baños de setembro" entre outras cousas que nada teñen que ver co que nos atingue, comenta:
"Antigos baños marítimos que as mulleres labregas adoitaban tomar no mes de setembro, unha vez finalizados os labores do agro. As carrachentas, canónigas, poubanas ou mantidas adoitaban mergullarse na auga salgada entre sete e quince veces, nun ritual que hoxe cualificaríamos de «tratamento preventivo por prescrición médica» e que naquela época recomendaban médicos e curandeiros. 
Contan os máis vellos que algunhas labregas da Rigueira acudían á praia de Bidueiros (no concello de Cervo) onde aliviaban as doenzas dos ollos e a reuma, ademais de camiñar pola area para mellorar a falta de circulación.
Eran mulleres dun tempo no que non existía a posibilidade de apuntarse a espléndidos balnearios con circuitos de augas termais subvencionados pola Administración."
Independentemente da denominación que non aparece moi precisa, si testemuña a práctica bañista neste caso na praia de Bidueiros
A imaxe correspóndese coa praia de Paraños , praia que usaba a veciñanza de Bidueiros, Lieiro, Cervo antes da construción de Alúmina que cortou todos os camiños de acceso por estar dentro da súa propiedade. Hoxe en día só ten acceso pola costa desde a praia de Lago 

21.10.23

Calificativos das bañistas da montaña...

En canto á denominación destas bañistas, xa comentamos que recibían nomes diferentes segundo as diferentes localidades acolledoras.
Iniciamos aquí un paseo histórico no que faremos referencias á diferente terminoloxía na costa galega.
Bouza Brey en Nós no ano 1931 (ver ligazón) publica este pequeno artigo baixo o título "Calificativos das bañistas da montañas nos portos galegos" Adaptámolo á grafía actual: 
"A indumentaria, os costumes e o deambular pouco desenvolto das xentes do interior da nosa terra, causa estrañeza nos portos onde baixan  na tempada do verán para tomar baños de mar. De aquí nacen diversas maneiras de ser coñecidas, que adquiren carácter de xeneralidade en cada unha das localidades polas que se estende o calificativo, burlesco sempre.
Mantidas chámaselles en Marín e Vilagarcía, a cuxa denominación resposden elas dicindo :¡afamados!, ós chamadores; palmatorias, díselles en Vilagarcía; poubanas en Vigo e Pontevedra; catalinas na Coruña, onde tamén teñen o nome de postales, polo que, así  como polos de canouras, candelarias, canónigas e bienvenidas son coñecidas en Ribadeo".
Nós Arquivo filolóxico e etnográfico de Galiza ( 15 de xuño de 1931)
Independentemente de que a asignación do nome, hoxe sabemos, non se corresponde exactamente a como o indica Bouza Brey, como punto de partida válenos
Falta, notamos nós, termos como carrachentas ( empregado en Viveiro ) ou carolas ( empregado en Barreiros e Foz) 
Mesmo en Marín tamén temos visto que empregan en diferentes artigos de prensa o poubana que Bouza llelo asigna só ás de Vigo e Pontevedra ( ao cabo Pontevedra e Marín son limítrofes)
Tamén temos visto o termo poubanas para as bañístas que de Ribadavia e de outras zonas do interior achegábanse a A Guarda.
Curioso o " bienvenidas" que recolle o autor para as nosas canouras, e dicimos curioso, porque ao igual que noutros lugares, realmente eran benvidas por deixar sempre uns cartiños que axudaban á economía dos pousadeiros e pousadeiras, xente polo xeral humilde e que coa achega destes cartos extras mesmo puideron estudar aos fillos, como é o caso dunha casa de Ribadeo que así nolo relataron.  

A fotografía que acompaña esta entrada foi publicada por "La Carriola de Marín"  o 17 de agosto de 2022