Amosando publicacións coa etiqueta Canónigas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Canónigas. Amosar todas as publicacións

10.1.24

Bíteres

Bolma rugosa e opérculos

No libro de Rafael Quintía do que falamos na anterior entrada recóllense como elementos “apotropaicos” os coñecidos ollomaos ou bíteres, como adoitan chamalos os barreirenses.

Non temos constancia de se as carolas, canónigas ou canouras estivesen polo labor de recoller estes opérculos “máxicos”, pero se facemos caso ao recollido por Xaquín Lorenzo no seu “O mar terra adentro” si é probable; máis aínda, de ser coñecedoras das súas protectoras propiedades.

Este opérculo da bolma rugosa ( astraea rugosa) é un elemento da natureza á que se lle atribúen, desde ben antigo, propiedades curativas e protectoras.

Curiosamente polo lado interior ( plano e branco) apréciase unha espiral ( símbolo vello que en Galicia xa aparece nalgúns petróglifos); polo lado exterior a rugosidade do bítere permite vislumbrar ( din ) a imaxe da virxe.

Sabemos do achado de ánforas dos tempos dos romanos cheas deles, en escavacións arqueolóxicas no Mediterráneo.

En Galicia hai constancia da súa presenza puntual nos concheiros da Punta Atalaia ( San Cibrao) segundo se reflicte en “La explotación del mar en la Galicia Romana: El yacimiento de Punta Atalaia (Galicia, Noroeste Ibérico)" de E. González, V. Bejega e C. Fernández.

Alá polo ano 1983, exercendo como mestre primeirizo no colexio público de S. Miguel de Reinante, as actividades que tiña organizadas o centro, fóra do horario escolar, leváronnos aos areais de Barreiros ( concretamente ao que daquela chamabamos a praia do Complexo) e correndo polo devandito areal atopamos estes opérculos. A alumna que naquel momento nos acompañaba, Nereida Rocha Leitón, ( cursando 6º de EXB) púxolles nome: bíteres... e ao tempo informounos das súas propiedades, indicando a sorte que significaba atopalos e a sorte que xeraba telos preto de un.

A partir dese momento fomos lendo todo o que atopabamos ao redor deste opérculo e así demos con que o gasterópodo é abondoso en todo o Atlántico europeo, mesmo chegando ás illas Canarias, e tamén no Mediterráneo.

Fotografía da web http://www.ictioterm.es/

Por todos os lugares onde vive esta “bolma rugosa” e polo mesmo se atopan os ollomaos ou bíteres , estes xeran a mesma devoción e interese, recibindo nomes ben curiosos como "jaquequeras" en Almería ( por ser bos para as dores de cabeza), ou o máis estendido "ollos de santa Lucía".

Nesta ligazón podemos ver os diferentes nomes que recibe pola costa andaluza (como curiosidade esta bolma é comercializada no mercado gaditano para o seu consumo).

No Alt Empordà, coñécense como ulls de Santa Llúcia, ou tamén como ulls de sirena. En Menorca Pedres de la Virtud; en Dénia, ulls de bruixa ou pedretes del mal de cap;  habas de mar, orejitas... 

Esta ampla nomenclatura deixa constancia do forte arraigo popular como pedra máxica e amuleto. De feito, moitos destes bíteres acaban engarzados en sortellas, aneis , pendentes,... 

En Galicia fóra do ollomao e bítere, sabemos que son tamén coñecidos como “ollos de boi vidal” ( vidal > vital: vida); ollos de boimar... e cónstanos que na parroquia focega de Santa Cilla do Valadouro, son coñecidos como "ollos magos" con referencia inequívoca das súas propiedades.

Falan de que é remedio eficaz contra orizós ( tirizós), para o mal de ollo, dores de cabeza e en xeral como amuleto protector e portador de sorte. 

Adoitan ter presenza, abondosa, nos areais da parroquia barreirense de Benquerencia; con maior incidencia en Remior, Balea, Lóngara e Pena da salsa.

Areal de Benquerencia

Tamén na costa ferrolá sabemos que son frecuentes en Ponzos e segundo indica Quintía tamén na costa de Arteixo pódense apañar, e seguramente en máis puntos dos que non temos coñecemento.

Polo Cantábrico adiante nalgunha praia astur tamén se atopan estes opérculos

Xa para rematar deixamos un vídeo onde vemos a caracola co seu opérculo no seu medio natural


E por último deixamos ligazóns a dous textos sobre a mesma temática de dúas persoas que xa non están con nós:

Un é o relato  de Isidro Novo para a páxina Galicia Encantada que coordina A. Reigosa ( ligazón

E outro a entrada que Emilio Piñeiroa fixo no blog Ribadeando (ligazón)

Só queda engadir que se algún lector ou lectora coñece máis lugares onde se recolle en Galicia estes bíteres, agradeceríamos nolo fixese saber mediante comentario ou usando o correo do blog

30.11.23

Noriega Varela e as canónigas ( II )

Portada da revista coruña Moderna

Encontrámonos novamente cunha creación literaria de Noriega Varela relacionada coas canónigas ou carpazonas como tamén as denomina o poeta.
Seguindo a Xose Ramón Freixeiro Mato na súa tese de doutoramento ( ver ligazón) sobre o mindoniense este poema aparece publicado por vez primeira na publicación "Coruña Moderna" no número do 26 de novembro de 1905, posteriormente aparece noutros xornais e acaba sendo publicado no seu libro "Do Ermo" co título que aquí aparece. 
Esforzadas mulleres

Vexo a neve, vexo a neve 
no curuto d'a montaña. 
e de vosoutras me lembro. 
toscalleironas rapazas. 
que vides nos derradeiros 
d'agosto, pr'as ledas prayas 
onde a musa d'os picoutos 
triste, com'os pinos, canta. 
Ben de vosoutras me lembro, 
lémbrome d'as noites craras, 
d'as vagarosas cantígas, 
d'os salouquiños d'a frauta, 
e d'os bravos aturuxos, 
que ás gueivotas axotaban. 
Y-agora que o sol s'esconde, 
agora que o sieiro avasa 
¡nin eu sei canto daría 
por ver-vos no mar, serranas, 
hastr'o pescozo metidas 
y-escaldrufrando na y-auga 
 De Dios!, ¿qué non leva xeito?, 
 ¿qué anque Xudas m'a inventara?, 
 ¿qué malos ollos me vexan?, 
¿qué feros lobos me sallan? 
Menos bulla, carpazonas, 
¡tede tino co-as palabras:
é bouba canto vos dixen, 
per' ¡ oíde!, fora chanza, 
moitas nenas d'a mariña, 
asi hax'a neve d'a cuarta 
y-os caramelos nas fontes 
y-o demo ceivo na barra, 
n'atarrecen xuntar ouca, 
nin subil'ás penas altas, 
loitando co-as nordesías 
que lles fan verquél-as bágoas; 
e si o mar n'a cuspe fora 
enciños hay pra coutal-a, 
¡ e ispense pra entrar nos rolos 
sin andar erguendo as sayas! 


Praia da Rapadoira, Foz 1955


Notas
As ilustracions son tiradas de
1 Galiciana biblioteca Dixital
2 Da páxina Fusión de Asturias . A foto pertence ao arquivo de Suso do Breogán

23.11.23

Trapero Pardo: Ribadeo, la villa que recibe con flores...

Colaborador habitual do diario El Progreso, Xosé Trapero Pardo deixou testemuña das bañistas ribadenses neste texto, que entre outras cousas aclara a consabida ocupación dos bancos da praza por parte das canouras. 

Aquí Trapero fala das canónigas para se referir a elas. Máis adiante veremos que o uso deste vocablo esténdese por toda a Mariña luguesa.

Confirma tamén a presenza de diferentes tipos de bañistas "de frío" (no mar) ou "de quente" (na casa de baños).

No artigo que titula "Ribadeo, la villa que recibe con flores al visitante" publicado o 6 de setembro de 1961, en plenas festas patronais podemos ler:

"Para nosostros Ribadeo, que recibe o despide con flores, es siempre una fiesta. Ya desde aquel primer día  en que, a bordo de un pequeño buque de cabotage (sic), que había dejado en Foz su carga de bilbainas mercaderías, nos entramos por la boca del puerto ribadense después de danzar el "Vals de las olas" sobre la cresta de unas empachadas de espuma, que rompían contra la isla Pancha y acantilados vecinos.

En Porcillán se acomodaban unas pescadoras "sonoras" en la lancha que iba a cruzar la ría. Calle arriba cantaban unas niñas el "Pacomio"(1). Y en la plaza, cuyos bancos se hallaban repletos de "canónigas´" o mujeres aldeanas bañistas "de frío" o "de caliente", nos esperaban dos amigos ribadenses...." 

(1)Chámanos a atención a referencia á canción que cantaban unhas meniñas: o "Pacomio"

Non sabemos se fala dunha danza recollida nas Hurdes titulada o "Romance de Pancomio", da que mesmo hai unha versión galega gravada no 1921  ou da canción popular que fala dun toureiro chamado así, ou a outra recollida por Joaquín Díaz na localidade zamorá de Calabor fronteiriza con Portugal.


Nota: As ilustracións correspóndense coa medalla conmemorativa de Sargadelos pola homenaxe feita a Trapero Pardo e cunha vista do cantón do ano 1952 pertencente á colección de postais da librería ribadense "Cervantes".


6.11.23

Pr'as canónigas! (Noriega Varela)

Este mestre e escritor mindoniense ( 1869-1947) que estudou no seminario de Mondoñedo e que ao rematar a carreira sacerdotal, Roma impediulle a ordenación por ser fillo de solteira; de 1901 a 1911 exerceu como mestre en Foz, localidade da Mariña á que acudían un monte de labregas da comarca mindoniense tomar os baños de setembro.

Temos visto que o apelativo habitual para estas boas mulleres era o de canónigas, e para estas, este autor escribiu unha composición que publicou en "El Regional" de Lugo no número correspondente ao 24 de febreiro de 1903.

Leva por título "Pr'as canónigas", aclara que é "o nombre que se da á las mujeres de determinado punto de la comarca mindoniense" e dedícallo a E. Lence Santar; asínao en "Foz 1 de octubre" (sic) de 1901 e transcribímolo tal como foi publicado no citado xornal. Posteriormente nas diferentes edicións do seu "Do Ermo" apareceron algunhas modificacións que podedes ler nesta ligazón ( a edición e a feita pola Deputación de Lugo  no 2006, pax 70,ss) 


Pr’as canónigas 

Montañesas, ¡boa sorte!; 
eu adiós non vol-o digo, 
que sempre fun voso amigo, 
y- heivos d’olvidar co-a morte. 
Cando, aturulando forte, 
chegástedes á ribeira, 
pensei qu´ estaba na feira 
de Gontán, xunto d’ aquelas 
carpazonas coma estrelas, 
que bailan a muiñeira. 

Vades boas de troular: 
inda ben non era día, 
quen vos despide xa vía 
brañegas cabo do mar. 
¡Que pulos! ¡que esbatuxar 
n-a i-auga!; gueibotas tolas, 
roxas com’as amapolas 
qu’ hay n-os centeyos d’aldea 
 brincábades pol-a area 
y-entr- as escumas d’as olas [...] 

donde había colorados
refaixos, campaba o cego 
D’Espiñarcao (1) , un brañego 
¡ Si os hay n-a Corda escolmados! 
As trazas d’os nemorados 
feitízanlle a ispiración 
tras vosco viña ó Espigón 
pra cantar; ¡ mais eu choraba! 
Que n-as copras latexaba 
d’a montaña o corazón 

¡As San Lucas me lembrou 
aquel cantar! ¡que tres días 
con tres noites! E ¡que crías 
van feirear!... Xa pasou 
a mocedá; mais quedou 
acesa algunha muxena 
n-o borrallo: ¡ A fonda pena, 
que sinto lonxe d’a serra! 
¡As feiras d’a miña terra! 
¡ os ollos d’a miña nena!

Diz que quedan para inzar 
pulgas ¡a vao! n-as lareiras 
e fungando as manxupeiras (2)
onde adoitades parar; 
Deixádeslles que rascar 
así como lles fai falla 
e porque o mar xa vos ralla 
fartas de larpar sardiña 
ides pra vosa casiña 
ver os medeiros d’a palla 

¡ y-as ovelliñas ...y -a frol 
d’os toxales!, ouro vello 
 que ten n-as follal-o sello 
 d’os chuchos que lle da o sol; 
¡Virxen do Monte! ¡ C’un fol 
ao lombo tamen m’eu iba! 
¿ mais que digo? ¡xa cautiva 
teño a miña libertade! 
Marchade, nenas, marchade... 
¡non volva o demo pra riba! 

(1) Espiñarcao: Fonte da parroquia de Romariz, Abadín, colindante con mondoñedo e famosa entre outras cousas por este cego moi coñecido polas súas coplas. De Espiñarcao e Romariz, falaremos máis adiante da man de Lence Santar

(2) manxupeira : Non sabemos o significado que adopta Noriega: 1 Cociñeira que non adereza nin sazona as comidas, porque non sabe ou porque non quere. 2. Celestina. Chismosa.

Nota
A fotografía de Noriega está sacada da páxina web do concello de Calvos de Randín, Ourense, onde botou dous anos de mestre (1911-1913)
A da praia da Rapadoira está sacada do blog O Gabinete de Foz. Non sabemos se haberá algunha canóniga polo medio

5.11.23

Das canónigas focegas ( I )

Falamos das poubanas e mantidas, das canouras... nesta entrada imos contar o que sabemos das bañistas que da comarca mindoniense ( en sentido amplo) se achegaban a Foz a tomar os baños de setembro. Eran as que chamaban canónigas, e puntualmente montañesas, carolas e memso carpazonas,

O termo canónigas non sabemos se procede das roupas escuras e amplas con certa semellanza aos roupóns que usaban os coengos mindonienses ou pola puntualidade temporal coa que se presentaban na vila focega e mesmo a puntualidade horaria que seguramente rexían os seus baños, semellando tamén a cadencia que eses mesmos coengos tiñan que cumprir para os seus rezos ( as chamadas horas canónicas que temos visto moitas veces coa referencia horas canónigas). Tampouco non hai que desbotar a referrencia burlesca aos coengos mindonienses; lembremos que estas terras mindonienses en sentido amplo era a procedencia destas bañistas e Mondoñedo tiña Seminario diocesano e é capital da diocese con catedral; os coengos ( canónigos en castelán) tiña que haber uns poucos que seguro tamén se achegaban a Foz.O máis probable é que fose unha mestura.

For como fose o caso é que en número considerable, coas súas cestas repletas de víveres, sempre ou case sempre en grupo, a finais de agosto e primeiros de setembro achegábanse aos areais focenses e ao concello limítrofe de Barreiros, mulleres que viñan na procura de baños terapéuticos e que basicamente se comportaban de xeito semellante ás xa citadas poubanas, mantidas ou canouras.

A primeira referencia ás canónigas témola da man de Noriega Varela que en outubro do 1902, escribe o seu coñecido "Pr'as canónigas" (en entrada aparte) publicado o ano seguinte en El Regional de Lugo.

En 1905, 2 de setembro, en La Voz de Mondoñedo e no artigo Impresiones de Foz (no que se critica ao alcalde da localidade) aparece unha referencia ás canónigas:

A xeito de chanza di o xornalista: "...que otras cosas más inexplicables se ven: ¡Como que hemos visto a D. Enrique Costas hombrear en el Obispado de Mondoñedo y a Dodolindo Trigo muy cerca de concurrir con mitra en la cabeza á la playa de Foz, para darse importancia entre las canónigas! 

Anteriormente o citado xornalista quéixase do que considera unha inmoralidade por non estar acoutadas as zonas de baño para homes e para mulleres. Que tempiños!

No diario provincial "El Progreso de 8 de setembro de 1917 recóllese a seguinte nova: 

Muy a gusto, como sardina en banasta, regresan a cientos desde las playas de Foz en camiones, coches y carros, las populares canónicas (sic) magistralmente cantadas por Noriega Varela, el autor de Montañesas.En Mondoñedo y en Foz se llaman canónigas a las alegres montañesas de Abadín y Pastoriza, que vienen a bañarse al Cantábrico, las cuales toman a tres o cuatro baños diarios.

Eduardo Lence Santar en Vida Gallega o 5 de decembro de 1923 escribe:

La playa de la Rapadoira es excelente para los baños, a Foz concurren multitud de bañistas de los partidos judiciales de Mondoñedo, Villalba, Fonsagrada y Lugo 

En septiembre es cuando llegan las Canónigas

¿Quiénes son las Canónigas?

Las montañesas que van a tomar los baños 

¡Y cómo los toman!

¡ Doce y catorce en cuatro días!

Es extremo interesante ver como se bañan las buenas mozas de la montaña.

¡ Qué cuerpos más esculturales, qué alegría, qué bullicio, que algazara! 

¡ Cuadro hermoso verdaderamente encantador !

Fala a continuación das décimas de Noriega Varela que lle dedicara anos atrás. 

Nun poema titulado N'o porto de Foz, dedicado a A. Villar Ponte  o propio Lence Santar  escribe en El Compostelano o 8 de xullo de 1926

Vendoll'a gaita tocar 
ó sonado Coruxeiras
mil carantoñas faguendo
rodeado de montañesas

(e segue)

( D'as canónigas brañegas
que a Foz van todol- os anos
pra tomar en oito días
por riba de trinta baños
(...)
¡Ou anos mozos pasados
n-o porto d'a Rapadoira!
Anos que xa non volvedes,
téñovos eu n-a memoria.

E non podemos esquecer as palabras de Cunqueiro que no seu "Retablo de verano" en La Noche do nove de xullo de 1948 escribía como el só sabía facer:

"(...)Pero se irá la niebla y vendrá el sol. Vendrá el estío, el largo agosto, con la noche mayor de San Lorenzo, las fiestas de Nuestra Señora... y los baños. Vendrán de la montaña los coches con las bañistas. Aquí a las montañesas que bajan a Foz a bañarse las llaman canónigas. Traen sus grandes panes de centeno, sus palmos de tocino, sus quesos de dorada corteza. Se bañarán nueve días en una medicación casi pitagórica; el nueve conserva toda su preñez mágica y transcendente (...) número de condición humana y benéfica.

Continúa falando da invasión normanda e da defensa que fixo o bispo Gonzalo, e continúa:

San Gonzalo no sólo defendió aquel día la tierra del saco pagano, sino también este verano de hogaño, con canónigas rituales, remojándose nueves veces contra el ramo cativo, la erisipela, las verrugas , los romadizos,  y el mal de ojo. Yo, de niño, iba con otros rapacetes a la playa a coger "ollos maus" , testimoniales de tantos malos ojos como las canónigas habían librado en sus baños de San Bartolo.

Se ben é certo que a maioría das referencias ás canónigas fan alusión ás praias de Foz, cremos que ( e esta última pasaxe así o corrobora) tamén as praias do outro lado da ría do Masma ( ese San Bartolo, poñamos por caso) tiñan bañistas claro está, e tamén eran coñecidas como canónigas. Certo é que tamén aparece o termo carolas para as mesmas. 

É xa para rematar se en Viveiro hoxe está asumido maioritariamente o termo "carrachentas" ( sobre todo despois do documentado traballo de Fina Roca) para estas bañistas, unha noticia aparecida no xornal "La Voz de la Verdad" do 3 de setembro de 1917 fala das mesmas aplicándolle o apelativo canónico ( certo que habería que saber a procedencia do redactor da noticia) 

"Ha fondeado en nuestro puerto ayer el buque de guerra Bustamante. Por la noche proyectó sus potentes reflectores sobre el pueblo, produciendo el consabido aspecto fantástico y el asombro de las innumerables "canónigas" de Covas.

Nota:

As ilustracións están sacadas

A praia de Foz do blog A insua do Insua

A cabeceira do xornal de Galicina

O destrutor da rede 

31.10.23

Da literatura oral e as bañistas de setembro ( II )


Xa vimos nunha entrada anterior unha cantiga vixente en Vilaxoán, das poucas que atopamos relacionadas co tema que tratamos:

Somosche de Vilaxóan
a terra das revenidas
onde se canta moi ben
e se bañan as mantidas.
Seguindo o avanzado na entrada anterior achegámonos agora a Ribadeo. O enxeño popular para xerar coplas, alcumes e demais xogos lingüísticos chocalleiros ou burlóns, nesta vila é manifesto. Basta con ler números da Comarca ou de Riberas del Eo, publicacións hoxe unidas na Comarca del Eo e mesmo en outras do lado asturiano da ría para confirmar o que aquí se expón. 
Pois ben, nalgunha biblioteca da veciñanza e gardadas como verdadeiros tesouros (sono), ben mecanográfadas ou ben manuscritas, hai memoria de vellas coplas atribuídas a un par de zapateiros de vello, da vila.
Un dos autores, xa confirmado, é Carnota, Daniel Carnota (Daniel da Lancha); co taller na rúa de San Miguel. Son moitas as súas enxeñosas punzadas  que actualmente podemos ler nas redes sociais do concello ribadense.
Nós paramos nunha delas que fai referencia directa aos canouros ( neste caso a invectiva é cara un home)
Un canónigo dos baños 
nas orellas ai que pinta! 
mais que orellas parecían 
calamares en su tinta! 
Curioso ademais a referencia a canónigos, co que queda demostrado que tamén por Ribadeo usábase, aínda que menos, este despectivo para facer alusión aos bañistas setembrinos.
A citada copla chegou a nós a través de Fátima Solloso Irimia. 
Remexendo pola nosa conta demos con outro folio que non sabemos moi ben como chegou a nós pero si que indica (pódese ver ampliando a imaxe que acompaña esta entrada) que a autoría é de Carlois, zapateiro, tamén , pero este situado en Reinante, no que é hoxe a tenda de fotografía Suso (o seu fillo).
O folio leva por título Ribadeo visto por fóra; unha das coplas que aparecen neste texto fala directamente dun bañista e di
Un vello que viña aos baños 
arrastrado pola mofa 
 o meteron de cabeza 
 no portal da Garabata (sic) 

Quedamos coa dúbida, que se cadra resolvemos máis adiante,  de que sexan distinto autor. Os papeis terman do que se lles pon e nada imos obxectar.
A nosa achega ao respecto incorporámola aquí, pois acae ben e, dalgún xeito, é deixar pegada dixital de oralidade. Os folios andan ciscados por aí pero din:

Xa están a chegar as festas 
estan chegando as canouras 
Vén o tren de Vilaoudriz 
ateigado coas súas cestas.

Xa se ven polo Cantón 
sentadiñas coa calceta,
escoitando moi atentas 
a música das orquestras.

Levarán algún recordo 
cando marchen pra as súas terras? 
Algún botello de auga
e se poden unhas medias.

Algunhas de ben arriba 
das que lles din montañesas,
aproveitan a viaxe 
pra levaren sal nas cestas.

As canouras ben merecen 
ter lugar entre os turistas 
que viñan a Ribadeo 
darse baños sen ser vistas 

23.10.23

Xove


Nun artigo de Marco López en LaVoz de Galicia con data 3 de setembro de 2011, baixo a epígrafe de
"Os baños de setembro" entre outras cousas que nada teñen que ver co que nos atingue, comenta:
"Antigos baños marítimos que as mulleres labregas adoitaban tomar no mes de setembro, unha vez finalizados os labores do agro. As carrachentas, canónigas, poubanas ou mantidas adoitaban mergullarse na auga salgada entre sete e quince veces, nun ritual que hoxe cualificaríamos de «tratamento preventivo por prescrición médica» e que naquela época recomendaban médicos e curandeiros. 
Contan os máis vellos que algunhas labregas da Rigueira acudían á praia de Bidueiros (no concello de Cervo) onde aliviaban as doenzas dos ollos e a reuma, ademais de camiñar pola area para mellorar a falta de circulación.
Eran mulleres dun tempo no que non existía a posibilidade de apuntarse a espléndidos balnearios con circuitos de augas termais subvencionados pola Administración."
Independentemente da denominación que non aparece moi precisa, si testemuña a práctica bañista neste caso na praia de Bidueiros
A imaxe correspóndese coa praia de Paraños , praia que usaba a veciñanza de Bidueiros, Lieiro, Cervo antes da construción de Alúmina que cortou todos os camiños de acceso por estar dentro da súa propiedade. Hoxe en día só ten acceso pola costa desde a praia de Lago