Amosando publicacións coa etiqueta Baños de ola. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Baños de ola. Amosar todas as publicacións

4.10.24

Da Órrea a Porcillán

Estación de ferrocarril de Vilaoudriz (1)

Falamos, na entrada anterior, das II Xornadas "Baños de mar" celebrada en Ribadeo e lembramos a memoria das canouras presentes no parladoiro ao que fixemos referencia.
Queríamos engadir outra historia dunhas canouras da Órrea (Riotorto), nai e fillos, que dende A Rebordela, na citada parroquia, achegábanse nos anos corenta e principios dos cincuenta, do pasado século, a tomar os baños á vila ribadense.
Sara Fernández


Neste caso, Sara Fernández (1917-2012), que así se chamaba esta muller, viña ata unha casa de Porcillán que previamente axustara o seu pai (que era quen se encargaba dos preparativos) despois de rematar os labores do campo e que viña coincidindo cos primeiros días de setembro. 
Sara tiña cinco fillas e un fillo. Aos baños só viñan os nenos que tiñan algunha doenza e sempre por prescrición médica; de aí que dos seis só acompañasen á nai tres deles en diferentes anos ( cada ano ía un). 
Igrexa de Santa Comba da Órrea (2)


Estiveron vindo á costa seis ou sete anos. Desde A Rebordela na Órrea baixaban en burro ata a Pontenova, acompañados polo seu home; alí collían o tren para achegarse a Ribadeo. Á volta facían o mesmo. Nalgunha ocasión viña o avó dos pequenos buscar a familia, facendo a mesma ruta co mesmo transporte. Nalgunha ocasión en vez de viren no tren usaran o coche da liña da Empresa Ribadeo. 
Porcillán


Viñan, como xa dixemos con todo organizado. Traían comida, para eses días, que compartían cos da casa. O pago do aluguer sempre era en metálico.
Ao parecer, "pasaban todo o ano aforrando" para poder afrontar esa viaxe ás augas do Cantábrico.
Tan xusta debía ser a cousa que nunha ocasión chegaron sendo as festas do oito na vila e á casa onde ían estaba chea con invitados. A caseira non lles deixo quedar e acabaron pasando a noite no "cárcere" (3), por non atopar sitio mellor.
Como ben di, Ana Fernández Gómez, informante e neta de Sara, “non viñan de vacacións, viñan porque o mandaba o médico” para coidar da saúde dos meniños.
Bañábanse moi cedo na praia do Cargadoiro. Este baño de mañanciña é característica común  de moitas destas bañistas. 
Pilar Díaz (1935) de Ove (Ribadeo), conta  que sendo unha meniña, a súa nai tamén a levaba a esa praia moi cediño a bañarse e que coincidía cunha canoura, que paraba nunha casa da Regueira, que chegaba cunha nena en burra ata o propio Cargadoiro. 
A Vigo, á praia de Samil, unha muller de Tuimil, Bóveda, no sur de Lugo, ía todos os anos dar os noves baños de nove ondas, despois de rematar os labores do campo, Pilar Sánchez, que acudía sobre as oito da mañá dar o correspondente baño.

Cargadoiro


Sara e a súa familia sempre tomaron os baños  no Cargadoiro e nunca fixeron uso da Casa de baños  "La Cantábrica". 
Facer fincapé tamén que a tempada de baños viña orixinada polas doenzas dos fillos: soriase, problemas de bronquios, pernas,...  
Estes meniños riotortegos co tempo, fixéronse mozos e, xa na década dos sesenta, emigraron a Europa para posteriormente asentarse en Ribadeo onde fixeron casa e co seu rexo traballo axudaron a medrar coma un máis, á economía vilega.

Notas
(1) Fotografía da páxina da Cámara Oficial Mineira de Galicia 
(2) Fotografía da páxina Patrimonio Galego
(3) Segundo relata Ana Fernández: Era no cárcere vello, aquí en Ribadeo; estaba  abandonada. entraron e pasaron ali a noite.
Uns veciños de Sara que vivían xa en Ribadeo aconselláronlles o lugar para pasar a noite....
O antigo cárcere de Ribadeo estaba situado na praciña da Fonte dos Catro Caños facendo esquina co que hoxe é Travesía da Paz

28.9.24

Ribadeo segue a recuperar a tradición dos baños de setembro

A moderadora Noemi Díaz Orol iniciando o parladoiro

Os pasados 14 e 15 de setembro desenvolvéronse na vila ribadense as II Xornadas Baños de mar.
O sábado pola mañá, presentado e moderado por Noemí Díaz Orol, houbo un parladoiro no que participaron, de xeito presencial ou telemático, diferentes canouras que nos anos cincuenta do século pasado, achegábanse a Ribadeo, para tomar os nove baños setembrinos, desde as terras do interior da provincia luguesa.
Previamente a propia moderadora fixo unha documentada introdución histórica sobre os inicios dos baños de mar, dando paso aos diferentes relatores que foron debullando a historia das canouras desde as súas propias vivencias. 
Puidemos escoitar a Milagros Rodríguez Bargueiras do Marco de Álvare (A Pastoriza) e a Marina Díaz Irimia de San Martín de Lúa ( Pol). 
Asemade tamén achegaron as súas impresións Susana Álvarez, filla de Milagros, e María del Carmen Pulpeiro, Carmucha de Pichón , ribadense que non perdoa un día de se bañar na praia do Cargadoiro, cos seus tres chopes de auga mariña incluídos, sobriña dunha das mulleres que acollían no seu domicilio algunha das canouras que viñan a Ribadeo.

Na mesa á esquerda Carmucha de Pichón, Susana Álvarez e Raúl Puelles

Como algunha destas bañistas facían uso da caseta de baños “La Cantábrica”, tamén participou no parladoiro Raúl Puelles, familia directa dos derradeiros propietarios da casa de baños e que atesoura algunha das pertenzas da citada casa ( desde a maletiña do doutor ata un salvavidas...) e, o que é máis importante: a memoria viva deste espazo salutífero que en tempos funcionou en Porcillán.

Obxectos da caseta de baños "La Cantábrica" 


Así entre lembranzas da Chocolateira: a súa escasa potencia que lles permitía aos viaxeiros baixar en marcha e volver a subir con toda tranquilidade; das mulleres que seguramente temerosas polo descoñecemento deste medio de transporte “cubrían a cabeza cunha bolsa para evitar ver correr as árbores”, puidemos revivir aquelas viaxes destas bañistas montañesas que ás veces traían canda si algún fillo ou filla.
É o caso de Milagros que empezou a vir aos baños con catorce anos e posteriormente botou mozo na vila costeira casando e pasando a residir no propio Ribadeo, traballando unha pequena tempada na propia Casa de baños, nos derradeiros anos dos sesenta que foi cando cesou a súa actividade.
Recuperamos a memoria do miradoiro situado no que daquela chamaban Gurugú (1), que é o lugar no que hoxe está o restaurante San Miguel, na chamada punta de don Federico; accedíase desde a propia Casa de Baños por un pequeno paseo.

O miradoiro na Punta de don Federico

Milagros, que como xa dixemos traballou en “La Cantábrica” vería as bañeiras de fundición chegadas de Francia con pés en forma de gadoupas e que acollían aos e ás bañistas que facían uso da tarifa de baños máis elevada; os baños dábanse previa prescrición facultativa.
Raúl tamén deu un pequeno repaso a elementos singulares do antigo Ribadeo: o uso dos Raios X ( primeiros empregados na provincia) o ascensor da Torre dos Moreno ( tamén o primeiro instalado na provincia), a fábrica de xabón “El Eo”, propiedade da súa familia... 

Factura da empresa de xabóns ( Todocolección.net )

En resumo, home que merece un aparte pois é memoria viva da vila. 
Como tamén son memoria estas, nosas canouras: Marina da que xa fixemos una transcrición nestoutra entrada, completou no parladoiro a información dando detalles dos seus paseos en lancha pola ría.
Contaba a mantedora que estas mulleres tamén facían o que hoxe demos en chamar “turismo activo”. Efectivamente, de xeito puntual algunha canoura aproveitaba que na casa onde pasaban eses nove días, tiñan lanchiña “pra ir a navegar” e os homes das caseiras ofrecíanse a facer de balde estes paseos.
Susana pola súa parte facendo memoria da súa avoa ribadense contou as picaradas que lles facían ás pobres das canouras: cobrarlles unha peseta por sentar nos bancos da praza, coserlles mentres asistían a misa os mantelos entre si... falcatruadas que indicaban a mala relación que por parte dos vilegos mantiñan en xeral coas canouras, que eran tratadas despectivamente.
Dalgún enfrontamento verbal somos coñecedores e tamén do interese por evitar estas confrontacións por parte das familias acolledoras... non querían perder clientas que deixaban algún carto que axudaba a economía familiar.
No Cargadoiro dispostas a se dar o perceptivo baño

Despois deste intercambio de lembranzas e anécdotas, un grupiño achegouse ao Cargadoiro para iniciar os nove baños rituais que remataron o domingo 22. 
Na Fonte nova, na visita guiada por Noe Díaz Orol

O día seguinte houbo unha visita guiada polas rúas da vila nas que recende aínda o aroma destas canouras e, xa pola tarde logo do baño e xantar campestre, houbo tempo para narracións e circo, rematando cun concerto de Fanfarria Taquikardia.

Actuación de Fanfarria Taquikardia


Esperamos que este intento de recuperación dos baños sexa un feito e que esta incipiente actividade de recuperación da memoria das canouras se converta tamén en tradición. Paga a pena!
A idea de momento é completar en próximas entradas a información recollida no parladoiro, engadindo algunha achega máis de antigas canouras.

Notas:
(1) Gurugú, monte que domina Melilla e escenario dunha derrota das tropas españolas en 1909, é nome de uso popular para indicar lugares altos.

9.11.23

Dos baños aristocráticos: ocio e saúde

Da man de Raquel Queizás chegamos á páxina da Biblioteca Nacional que fala da orixe contemporánea dos baños de mar.
No blog da citada institución, Antonio García Jiménez debulla polo miúdo este inicio e crecemento dos baños no Cantábrico.
É no ano 1829, cando damos co primeiro regulamento para ordenar os baños e segregar os sexos. Falamos de Donostia. Aí empezou a achegarse a nobreza que pouco a pouco foi aumentando en presenza. Así no 1845 unha noviña Isabel II, consolida a cidade como estación balnearia de primeira orde.     
Pero foi Santander a primeira cidade cántabra que, a mediados do s. XIX, anunciaba nos xornais madrileños os baños de mar, tamén chamados daquela “baños de ola”.

O primeiro deses anuncios que atopamos data de 1847 co título: “Baños de oleage en Santander” (El Español, 16 de xullo de 1847).
Eran tempos nos que a chegada á praia santanderina, por excelencia, facíase en carruaxes ou dilixencias.
O habitual era que a xente do interior que se achegaba aos areais non soubesen nadar; o risco era evidente, polo que se instalaban maromas para que os bañistas tivesen máis seguridade, non só por poder ir agarrados a elas, senón tamén, por ser vixiadas por mozos vigorosos e atléticos que acudían, de xurdir algún tropezo.
O uso destas maromas estendeuse por todos os lugares onde había casas de baño ao pé do mar.
Xa temos visto que a ribadense “La Cantábrica” tíñaas instaladas e  máis dun afogamento seguro que evitaron.
Lembremos un suceso ocorrido o 2 de setembro de 1922, nesta casa de baños de Ribadeo. Na praia houbo que salvar a unha bañista que a piques estivo de afogar, Mercedes Lahoz. Grazas a intervención, non sabemos se de usuarios, usuarias ou maromos, o caso é que esta filla do notario da Veiga foi salvada, e foi tanta alegría que posteriormente celebrouse un acto de homenaxe ao salvador , Luciano Martínez e á salvadora: Elisa Alonso de García Soto (sic). 
Lembremos tamén que moitas das nosas canouras non se poderían permitir o luxo dos baños quentes para se bañar. Tomaban "baños fríos" como indicaba Trapero Pardo.  Téñennos contado que : ou ben se arrimaban as penas con coidado para se introducir na auga, ou ben metíanse ata pouco máis arriba dos xeonllos, para despois botarse ao mar e coas mans camiñar no fondo pedregoso, ou ben, para escorrentar o medo, outras entrarían con grande algarabía collidas entre elas das mans. Non esquezamos que o mar era un elemento novidoso para elas, e terían entendemos o debido respecto. 
Volvendo á orixe aristocrática deste costume: Xa falamos de Isabel II que aconsellada polos seus médicos e para tratar as doenzas de pel que sufría cambiou "La Concha" e achegouse ata “El Sardinero” no ano 1861 ( seguimos por Santander).
Estas prácticas quedaban acoutadas á nobreza e burguesía que podían facer fronte aos gastos de desprazamento, estadías e servizos de praia. Pensemos que en chegar a Donostia empregábanse máis de cincuenta horas de viaxe.

De feito algunha publicación hai que mostra cantidade de fotografías das clases altas na costa cantábrica ( e por suposto non hai rastro das nosas bañistas): “Veranos en el Cantábrico. Casas y familias 1885- 1945” editado polo Equipo Turner.
Estas praias, El Sardinero, La Concha ( na imaxe) ou a francesa de Biarritz, eran visitadas pola "crème de la créme", polo que trataban de mellorar os servizos a ofertar para non perder clientela. 
Lugares como Comillas, Ribadesella, Zarauz,... competían para atraer este incipiente turismo decimonónico que foi o que introduciu aos poucos os baños como práctica estival. 
Importante era o sistema de protección da moralidade ( xa falamos da segregación por sexos ( dándose a situación paradoxal de que as familias non podían ir xuntas aos baños).
Enxeños creados "ad hoc" para combinar pudor con baños salinos invadiron estas praias que máis ben semellaban campamentos.Aínda non tiña valor social o bronceado. Na imaxe de abaixo, praia de "El Sardinero"
Iso si, a realeza gozaba dunha infraestrutura máis elaborada ( ver fotografía: caseta real da praia de "La Concha").

No verán do 1849 visitaron Santander ao redor de tres mil persoas segundo indicaba a Revista de Santander.
Aos poucos foi medrando a presenza mesetaria nas praias de “El Norte” como adoitaban dicir daquelas por Madrid. Tal foi a popularidade que no 1899 o xornal satírico “El Motín” publicaba : "Allá a las costas cantábricas y a las playas francesas van en requerimiento de aire saturado de oxígeno para los pulmones todas las personas que pueden hacerlo; unas con desahogo, otras, a costa de sacrificios, y todas, o la mayor parte, más que por necesidad, por rendir culto a la moda. Hacen bien. Después del 15 de Julio todos los que quedan aquí van jadeantes por esas calles sudando la gota gorda, y sin tener más distracción que la de tragar polvo por las tardes en Recoletos, y llevan además un sello de pobretones y cursis que da miedo…La moda de veranear se ha impuesto de tal forma que hoy, desde el senador por derecho propio hasta el carbonero, desde la duquesa hasta la tendera de comestibles, van a tomar baños de ola como si les fuera imposible la vida sin ellos".
Ao cabo, Donostia chegou a ser a preferida pola realeza pois a rexente M Cristina prefería a localidade vasca por estar máis preto de Biarritz, onde veraneaba a realeza europea desde que a puxera de moda a emperatriz Eugenia de Montijo.

Nos anos trinta do pasado século a presenza de bañistas xa era moi numerosa ( El Sardinero, primeira metade da década dos trinta) . Evidentemente a guerra civil e a dura postguerra non favoreceron estas prácticas que se foron recuperando aos poucos, ata hoxe.