24.1.24

As carrachentas


Na preparación das xornadas do pasado setembro en Ribadeo, demos co libro As carrachentas de Fina Roca, extenso traballo de investigación que fixo a autora como tese de doutoramento e que posteriormente foi publicado pola Asociación Cultural Estabañón no 2008 na editorial Lar.
Xa falamos aquí das canouras ribadenses, das poubanas de Marín, das mantidas de Vilaxoán ou de Palmeira,... nesta entrada facemos un bosquexo deste manual etnográfico e sociolóxico, produto de varios anos de procuras e mesmo de vivencias da propia autora. 

As Carrachentas, segundo Fina Roca foron as primeiras turistas de Covas”; bañistas labregas que se achegaban ao concello de Viveiro para realizar os seus baños rituais do mes de setembro.
Coinciden as prácticas destas mulleres chegadas de "Vilalba, As Pontes, Momán, Santaballa, Ourol, Muras, Xermade, Cabreiros, Begonte, Lanzós, O Carrizo, Ferreira, Bravos, Galdo, San Pantaleón de Cabanas, Vieiro, Riobarba, Gramadoiro,...” (As carrachentas páx 61 ) coas realizadas por poubanas, mantidas ou canouras noutros puntos do litoral galego.
Só imos salientar algúns aspectos para nós novidosos ou que complementan o recollida ata este momento
Por un lado un feito que enlaza co que falaba Trapero Pardo ( ver entradas) e que estuda a autora sobre os chamados baños quentes.
En Viveiro, ao contrario doutro lugares (Ribadeo sen ir moi lonxe) non houbo casas de baños. 
Estes baños quentes realizábanse nas casas nas que paraban as carrachentas; para iso, levaban dende a praia auga de mar mesturada con algas... ben en baldes, baldetas ou “tinas” (tallas) e unha vez quentada a auga bañábanse na improvisada bañeira.
Por outro lado destacamos tamén o feito que recolle detalladamente F Roca: os rituais previos ao baño.
Despois de se xuntaren as carrachentas do mesmo lugar de procedencia, realizaban xogos nos que participaban avoas, nais e fillas , desde rodas de adiviñas ata xogos para entraren en calor... Cita a escritora o “Sampedrón” coñecido como sampedrada que comeza co ben sabido “San Pedro como era calvo...” ( páx 58).
Logo “as carrachentas espíanse na Furada das Pombas (poñían) “unha especie de túnica en forma de saco ao que lle abrían tres buratos para meter a cabeza e os brazos. A meirande parte das veces (facíano) cunha saba vella ou cunha funda dun xergón que xa non valera para nada. Pero xeralmente bañábanse en longas enaguas brancas con moito voo” “Cando saían da auga semellaba que non levaban nada porque a roupa pegábaselles ao corpo e, cando se mergullaban as nove veces, a combinación subíalles ata o pescozo como se fosen globos, deixándolles o cu ao aire entre salto e salto. Era cando máis graza nos facía aos rapaces e rapazas. Espiabámolas dende as penas pero non nos acercabamos a elas por medo a que nos tiraran pedras ou nos zorregasen”. ( páx 58, 59)
Para un coñecemento máis extenso e preciso convidamos á lectura do citado libro que recolle o fenómeno das carrachentas desde todos os ámbitos posibles (o libro está a disposición do público nas bibliotecas de Viveiro, Lugo e Santiago e por suposto á venda nas librerías.
Praia de Covas 

Notas
A primeira ilustración é a portada do libro citado
A segunda é unha panorámica de Covas feita polo fotógrafo Juan José Vivancos e pertencente á galería da Biblioteca da Facultade de Empresa e xestión pública da Universidade de Zaragoza.

10.1.24

Bíteres

Bolma rugosa e opérculos

No libro de Rafael Quintía do que falamos na anterior entrada recóllense como elementos “apotropaicos” os coñecidos ollomaos ou bíteres, como adoitan chamalos os barreirenses.

Non temos constancia de se as carolas, canónigas ou canouras estivesen polo labor de recoller estes opérculos “máxicos”, pero se facemos caso ao recollido por Xaquín Lorenzo no seu “O mar terra adentro” si é probable; máis aínda, de ser coñecedoras das súas protectoras propiedades.

Este opérculo da bolma rugosa ( astraea rugosa) é un elemento da natureza á que se lle atribúen, desde ben antigo, propiedades curativas e protectoras.

Curiosamente polo lado interior ( plano e branco) apréciase unha espiral ( símbolo vello que en Galicia xa aparece nalgúns petróglifos); polo lado exterior a rugosidade do bítere permite vislumbrar ( din ) a imaxe da virxe.

Sabemos do achado de ánforas dos tempos dos romanos cheas deles, en escavacións arqueolóxicas no Mediterráneo.

En Galicia hai constancia da súa presenza puntual nos concheiros da Punta Atalaia ( San Cibrao) segundo se reflicte en “La explotación del mar en la Galicia Romana: El yacimiento de Punta Atalaia (Galicia, Noroeste Ibérico)" de E. González, V. Bejega e C. Fernández.

Alá polo ano 1983, exercendo como mestre primeirizo no colexio público de S. Miguel de Reinante, as actividades que tiña organizadas o centro, fóra do horario escolar, leváronnos aos areais de Barreiros ( concretamente ao que daquela chamabamos a praia do Complexo) e correndo polo devandito areal atopamos estes opérculos. A alumna que naquel momento nos acompañaba, Nereida Rocha Leitón, ( cursando 6º de EXB) púxolles nome: bíteres... e ao tempo informounos das súas propiedades, indicando a sorte que significaba atopalos e a sorte que xeraba telos preto de un.

A partir dese momento fomos lendo todo o que atopabamos ao redor deste opérculo e así demos con que o gasterópodo é abondoso en todo o Atlántico europeo, mesmo chegando ás illas Canarias, e tamén no Mediterráneo.

Fotografía da web http://www.ictioterm.es/

Por todos os lugares onde vive esta “bolma rugosa” e polo mesmo se atopan os ollomaos ou bíteres , estes xeran a mesma devoción e interese, recibindo nomes ben curiosos como "jaquequeras" en Almería ( por ser bos para as dores de cabeza), ou o máis estendido "ollos de santa Lucía".

Nesta ligazón podemos ver os diferentes nomes que recibe pola costa andaluza (como curiosidade esta bolma é comercializada no mercado gaditano para o seu consumo).

No Alt Empordà, coñécense como ulls de Santa Llúcia, ou tamén como ulls de sirena. En Menorca Pedres de la Virtud; en Dénia, ulls de bruixa ou pedretes del mal de cap;  habas de mar, orejitas... 

Esta ampla nomenclatura deixa constancia do forte arraigo popular como pedra máxica e amuleto. De feito, moitos destes bíteres acaban engarzados en sortellas, aneis , pendentes,... 

En Galicia fóra do ollomao e bítere, sabemos que son tamén coñecidos como “ollos de boi vidal” ( vidal > vital: vida); ollos de boimar... e cónstanos que na parroquia focega de Santa Cilla do Valadouro, son coñecidos como "ollos magos" con referencia inequívoca das súas propiedades.

Falan de que é remedio eficaz contra orizós ( tirizós), para o mal de ollo, dores de cabeza e en xeral como amuleto protector e portador de sorte. 

Adoitan ter presenza, abondosa, nos areais da parroquia barreirense de Benquerencia; con maior incidencia en Remior, Balea, Lóngara e Pena da salsa.

Areal de Benquerencia

Tamén na costa ferrolá sabemos que son frecuentes en Ponzos e segundo indica Quintía tamén na costa de Arteixo pódense apañar, e seguramente en máis puntos dos que non temos coñecemento.

Polo Cantábrico adiante nalgunha praia astur tamén se atopan estes opérculos

Xa para rematar deixamos un vídeo onde vemos a caracola co seu opérculo no seu medio natural


E por último deixamos ligazóns a dous textos sobre a mesma temática de dúas persoas que xa non están con nós:

Un é o relato  de Isidro Novo para a páxina Galicia Encantada que coordina A. Reigosa ( ligazón

E outro a entrada que Emilio Piñeiroa fixo no blog Ribadeando (ligazón)

Só queda engadir que se algún lector ou lectora coñece máis lugares onde se recolle en Galicia estes bíteres, agradeceríamos nolo fixese saber mediante comentario ou usando o correo do blog

Rafael Quintía e a Mariña inmaterial


Estes días chegou as nosas mans o libro Mariña inmaterial de Rafael Quintía. No traballo, deste recoñecido investigador, aparecen recollidas as historias míticas e lendarias asociadas a diferentes puntos da xeografía mariñá que reafirman a riqueza do lugar e explican a orixe de moitos destes espazos e, sobre todo, fixan na memoria estes fragmentos que nos identifican como pobo e que conforman o noso ser e estar.
De Trabada a Xove, pasando por Ribadeo, Barreiros, Alfoz, Valadouro, Cervo e Viveiro podemos facer unha viaxe no tempo percorrendo covas, penedos, montes, pazos, fontes, capelas, cruces, sen esquecer canda eles a presenza de trasnos, mouras, vellas, encantos, chupasangues... mesmo sitio hai para as historias do marqués de Sargadelos... 
Magnífico manual que completa a páxina Mariña inmaterial con vídeos que recollen as actividades e investigacións previas á publicación deste traballo.
Encantáronnos as alusións aos trasnos tanto ao do pazo da Escoura (Trabada) como ao do Camiño do trasno (Cervo). Eses trasgos tan presentes no imaxinario popular e que a tantas andanzas e aventuras deron pé: lembramos con cariño as contadas en Donís sobre este falcatrueiro personaxe ao que se lle tiña un medo reverencial “case como o lobo”... ata que apareceron as “lafuxés”(1) e parece que os tiros asustáronnos e xa andan menos polos camiños... "desde que se inventou a pólvora acabouse o trasgo"; tamén en Friol corrían moitos contos sobre o citado trasno...  
Lemos con agrado as referencias ás cidades asolagadas de Estabañón (Area) e S Miguel de Vilachá (o noso S Miguel de Reinante desde principios do XVII). Abondan na nosa xeografía mítica este tipo de sucedidos. 
De S Xoán da Cova, Viveiro, que dicir? Aparte dos restos da ermida no interior da cova , a fonte da que xa se recollen datos da súa calidade salutífera a mediados do XIX coa expansión do costume de tomar as augas. 
Fontes míticas como a do Ermo en Barreiros da que xa se fala na “Guía del bañista de España “de 1854... 
Notamos a falta dalgunha fonte do concello ribadense pero que seguro terá espazo máis adiante, ao igual que o resto de lugares doutros concellos mariñáns que seguro están pendentes.
Só queda animar á lectura e felicitar ao antropólogo que, aos poucos, segue enchendo de contidos a Galicia mítica á que tanto lle debemos.

Notas
(1) Lafuxé: escopeta Lefaucheux

8.1.24

Outro desastre medioambiental : os pellets de plástico


Levabamos algún tempo coñecendo aos poucos noticias sobre un cargueiro con bandeira de conveniencia que despois de pasar o corredor fisterrá, xa en costas portuguesas, perdeu un contedor cheo de bolsas de pellets (1) plásticos ( 2,5 Tm ) que segundo avanzan as xornadas, e polo traballo do mar, van achegándose ás costas galegas.
Se nun principio eran novas dalgúns areais da costa occidental, co paso dos días estas bólas plásticas están cubrindo grande número de praias e ampliando a presenza xa á costa mariñá e mesmo ao litoral asturiano. 
O que parece outro desastre medioambiental, non semella preocupar moito ás autoridades "competentes" agás para o manido "non fun eu que foron eles" ( xa entendedes).
O caso é que diante do deixamento da Xunta, que trata de quitar ferro ao tema e liquidalo na televisión pública cuns planos curtos máis ca sospeitosos... ( informantes directos contan como a presenza de traballadores nos areais son puntuais para seren recollidos polas cámaras e pouco despois marchar ).
Este desleixo obriga novamente á sociedade civil a organizarse para a recollida destes plásticos invasores e dos que non coñecemos a incidencia que poidan ter no medio mariño e costeiro nun futuro próximo. 
Pois ben, como canouras que somos e usuarias setembrinas do noso mar, cremos que temos a obriga de informar das accións que se están levando a cabo para lle facer fronte a esta desfeita plástico- ambiental.
Diante da inacción da Xunta que descarta elevar o nivel de emerxencia, a sociedade civil está organizándose:
Por un lado o colectivo Noia limpa no seu perfil de X (antiga twitter) recolle, nun listado aberto, os novos puntos que van sendo contaminados polos plásticos.
Polo outro, Adega que nun comunicado emitido na tarde deste luns "reclama a elevación do nivel de emerxencia (Situación 2) do CAMGAL para a intervención dos medios marítimos do Estado”.
Indica tamén que “é precisa a intervención de buques e barreiras anti-contaminación para conter a extensión da vertedura de pellets antes de que chegue ás costas, onde a eliminación está a resultar moi difícil”.
E denuncia “a falta de transparencia das administracións, polo que (solicitan) reunións coa Xunta e o Ministerio”. 
Tamén informa de próximas actividades de formación para o persoal voluntario para a recollida destas boliñas e así poder organizar as recollidas coas persoas que se apunten na ligazón que teñen activada.
Nunca máis

Nota
(1) A Real Academia Galega pronunciouse sobre o termo correcto para referirnos a estes microplásticos que nós chamamos pellets. En bo galego debemos falar de "granulados" 

4.1.24

Máis memoria viva das canouras

Praia do Cargadoiro

Na anterior entrada a Marina Díaz falaba de ter coincidido nos baños ribadenses con veciñanza de Santalla (Ribeira de Piquín). Aqui achegamos (via facebook) a memoria de alguén que lembra estas actividades setembrinas.

Destacar o feito do nome que permanece na memoria xunto ao de canouras: a variante canourias que para nós é apelativo novo.

Ao respecto, e relacionado co despectivo aplicado a estas bañistas, demos cunha informante de Barres ( parroquia do concello de Castropol, no lado astur da ría ribadense)  Marisefa López Arias que nos indica que na súa zona unha canoura é : "úa canoura dícese por úa vaca flaca e mal feita, incluso veya, tamén se lle di candorca".( recollido do muro de facebook) 

Igrexa de Barres, Castropol

Pois ben , na mesma rede social e na páxina do grupo Patrimonio cultural da Ribeira de Piquín recollemos a información que pasamos a transcribir:

"Moita xente de Ribeiras de Piquin ia a Ribadeo a tomar os baños. Para ben ser, había que ir tomalos nove días seguidos. Ian sobre todo as mulleres, os nenos e os enfermos. Unha zona á que se ía era a praia do Cargadoiro.

As mulleres que viñan das partes do interior para tomar os baños e curarse dalgún mal, a xente da costa chamáballes canourias ou canouras. 

As familias levaban comida para pasar alí eses dias

A fariña levábase a algunha panadería (como a Gayol, que tiña moita sona) e cambiábase algún quilo de fariña a cambio de que co resto dela che coceran os bolos para os días da estancia."

Susa Alvita Ramos apostila cun seu comentario que "tamén nos chamaban carolas, polo menos en Foz", esta informante é de Bretoña (A Pastoriza)

Estas canouras asiduas á citada praia do Cargadoiro, dan pé para que a ribadense Josefina Gómez Pérez comente:

"(...) iamos velas porque se deitaban na beira agarradas ás pedras e metíanse na auga con combinación. Cando as pequenas ondas baixaban todo ía ben, pero cando subían as ondiñas a combinación tamén se subía e chegáballes ata o pescozo...

Moito nos temos rido. Cousas de cativos!"

O pouso retranqueiro queda rexistrado neste comentario que fai a tamén vilega  Elva Díaz Álvarez:

"Dáme a risa de cando me dicían as veciñas: Xa viñeron as canouras! e eu contestaba: Diso nada! son madrileñas do Marco de Álvare!"  

Esta veciña tamén engade que "na miña casa viñan aos baños en setembro e metíanse na auga cunha camisa branca . Ese é o recordo que lembro. Traían chourizos e touciño e miña nai facíalles a comida"

3.1.24

Memoria dunha canoura de Pol

Hórreo en San Martín de Lúa ( Pol)

Como memoria viva de canouras que ían a Ribadeo tomar as augas, achegamos unha transcrición do narrado por María Marina Díaz Irimia... que a principios dos cincuenta como canouriña ía canda a súa nai ata a vila ribadense para realizar os pertinentes baños de setembro.
Os audios poden escoitarse nesta ligazón. 
"Eu son María Marina Díaz Irimia, nacín o vinte de febreiro de mil novecento corenta e sete nun puebliño de interior de Galicia chamado San Martin de Lúa, pertence ao concello de Pol.
Desde moi pequena, exactamente desde os dous anos, fun aos baños a Ribadeo ata a idade de nove anos. 
Acompañábame..., ía sempre coa miña nai. Como aquí non había coche de liña nin carretera tiñamos que ir a Meira a coller o coche de liña. Levábanos meu pai e iamos da cabalo... uns da cabalo e outros andando porque todos non podiamos ir a cabalo para levar as cousas necesarias para vivir alí, en Ribadeo.
Estabamos cunha señora que tiña un home que era mariñeiro, ía ao mar... e ela dedicábase a ter xente na súa casa. 
Nós levabamos unha habitación alquilada con dereito a cociña. Tomabamos o primeiro baño o dia de chegar porque eran nove os que dicían que había que tomar para que fixera efecto, e volvíamonos a bañar tamén o día de volver aínda que xa ás tres e media volvía saír o coche outra vez para Meira. 
O día de ir, meu pai quedábase e volvia para casa para facer as tarefas da casa. 
O día de volver ianos buscar a Ribadeo e aquel dia, pois iamos comer coa señora e co home a algun sitio, a algunha fonda...
Habia xente que en vez de ir ao mar a bañarse ía ás augas quentes, que eu tampouco sei onde eran naquel tempo...
E, se por exemplo, tiñan unha nena que era da miña edá,... miña nai bañábaa comigo no mar... se era máis ou menos da miña idade. Adoitabamos ir normalmente a última semana de agosto collendo un día ou dous de setembro... porque deixabamos os nabos botados e viñamos a tempo de facer a malla que adoitaba ser a partir do dez de setembro.
Isto dicían que era moi favorable pra a salú, que evitaba moitos males... sobre todo da pel.
Estabamos aproximadamente... marchabamos ás dez para a praia, estabamos ata unha ou unha e media; despois pola tarde asi que comiamos descansabamos un pouco e despois volviamos outra vez a andar pola area ... ainda que non nos bañásenos.
Entroido en Santalla ( Ribeiras de Piquín). 1967

E... bueno, sempre había xente coñecida... concretamente dun pueblín cercano ao noso que se chama Santalla 
pertence a Ribeira de Piquín, de onde é nativa a Susana Seivane tan coñecida hoxe. Tamén ían sempre unhos señores que tamén adoitaban estar onde estabamos nosoutros; era un señor que tiña moitos problemas de pel e dicía que desde que empezara a ir aos baños se puñera moito mellor."
Achega significativa que fai a informante á que engade un trazo sociolóxico relacionado co uso diglósico da nosa lingua ( o que vale para nos comunicar entre nós, non serve para relacionarnos coa  poboación vilega:  
"Nun deses anos da miña nenez, con catro anos aproximadamente...
Eu sempre me levaban un balde e unha pala e un angazo para apañar conchas e xogar na area,... facer castelos e diso.
E entonces, claro! daquelas non era nada bonito falar o gallego... e miña mai mandábame... non estaba ben visto que se falara o gallego, e entonces miña mai mandábame falar o castellano...
E dicíame:
--Se che pregunta alguén que tes aí? (cando estaba xogando) dicíame: "un cubo y una pala para recoger arena".
Efectivamente: eu sabíao dicir moi ben... pero acto seguido dicía 
Un balde y una pala , una paleta... pra recoller area."