21.10.23

Calificativos das bañistas da montaña...

En canto á denominación destas bañistas, xa comentamos que recibían nomes diferentes segundo as diferentes localidades acolledoras.
Iniciamos aquí un paseo histórico no que faremos referencias á diferente terminoloxía na costa galega.
Bouza Brey en Nós no ano 1931 (ver ligazón) publica este pequeno artigo baixo o título "Calificativos das bañistas da montañas nos portos galegos" Adaptámolo á grafía actual: 
"A indumentaria, os costumes e o deambular pouco desenvolto das xentes do interior da nosa terra, causa estrañeza nos portos onde baixan  na tempada do verán para tomar baños de mar. De aquí nacen diversas maneiras de ser coñecidas, que adquiren carácter de xeneralidade en cada unha das localidades polas que se estende o calificativo, burlesco sempre.
Mantidas chámaselles en Marín e Vilagarcía, a cuxa denominación resposden elas dicindo :¡afamados!, ós chamadores; palmatorias, díselles en Vilagarcía; poubanas en Vigo e Pontevedra; catalinas na Coruña, onde tamén teñen o nome de postales, polo que, así  como polos de canouras, candelarias, canónigas e bienvenidas son coñecidas en Ribadeo".
Nós Arquivo filolóxico e etnográfico de Galiza ( 15 de xuño de 1931)
Independentemente de que a asignación do nome, hoxe sabemos, non se corresponde exactamente a como o indica Bouza Brey, como punto de partida válenos
Falta, notamos nós, termos como carrachentas ( empregado en Viveiro ) ou carolas ( empregado en Barreiros e Foz) 
Mesmo en Marín tamén temos visto que empregan en diferentes artigos de prensa o poubana que Bouza llelo asigna só ás de Vigo e Pontevedra ( ao cabo Pontevedra e Marín son limítrofes)
Tamén temos visto o termo poubanas para as bañístas que de Ribadavia e de outras zonas do interior achegábanse a A Guarda.
Curioso o " bienvenidas" que recolle o autor para as nosas canouras, e dicimos curioso, porque ao igual que noutros lugares, realmente eran benvidas por deixar sempre uns cartiños que axudaban á economía dos pousadeiros e pousadeiras, xente polo xeral humilde e que coa achega destes cartos extras mesmo puideron estudar aos fillos, como é o caso dunha casa de Ribadeo que así nolo relataron.  

A fotografía que acompaña esta entrada foi publicada por "La Carriola de Marín"  o 17 de agosto de 2022

Ningún comentario:

Publicar un comentario