16.10.23

As canouras

Para empezar: por que canouras e non canouros?    Segundo parece a inmensa maioría das persoas que baixaban a tomar os baños eran mulleres, que en ocasións, viñan cos fillos ou fillas de menor idade, e non todos.A presenza masculina neste tipo de actividade era escasa ( hai quen a sitúa ao redor do 10% ) e incluso menos
Adúcense diferentes razóns das que se falará en posteriores entradas
De momento empezamos no por que de canouras?
Noutros lugares da xeografía galega falan de pouvanas, de canónigas, das carolas, catalinas, carrachentas,... un sen fin de alcumes; despectivos sempre. Mesmo aquí en Ribadeo sábese que as propias canouras referíanse ás que viñan de terras máis altas ou afastadas como montañesas... Había categorías...
(Non lonxe, en terras xixonesas, falaban das do sábano, perfectamente recollidas por Nicanor Piñole)


O caso é que nos atopamos diante da verba canouras
Imos ver todas as posibilidades que ofrece a palabra e despois trataremos de tirar algunha conclusión.
Empezamos polo masculino e non por lle dar prioridade, xa veredes polo que
CANOURO: Ser etéreo que, segundo a tradición popular, habita nos bosques, nos campos e nas augas. (Dicionario Digalego)



Nestas imaxes vemos como Manuel Murguía no nº 86 dos boletíns da RAG (1914) fala do canouro e indica que "nada hemos podido rastrear respecto á voz e o seu significado ".
No conxuro da segunda páxina da ilustración vemos como o pai trata de protexer ao fillo de este ser.
O caso é que moita sintonía non semella ter, agás o comentario que o relaciona coas augas... pero moi apurada a conxectura. Máis aínda se temos en conta que a presenza deste canouro era patrimonio case exclusivo da provincia ourensá. 
Pasamos ao feminino
CANOURA:Parte do muíño que consiste nunha caixa en forma de pirámide invertida onde cae o gran que se vai moer. A moega ou moxega


Na procura de información, peiteando o caralibro (facebook) e concretamente no muro "Non eres de Ribadeo" alguén comentaba que estas mulleres (algunhas) traían fariña que a levaban a Casa Gayol para que lles fixese o pan (supoñemos co pago da correspondente maquía)
Pero tampouco non lle vemos aproximación significativa... e en Ribadeo axústase moi ben alcume e alcumado ou alcumada.
Sigamos
Se miramos no dicionario Estraviz veremos dúas definicións que, se cadra, achegan algo de luz ao que andamos buscando
Aparecen dúas definicións
Unha referíndose aos canos ocos do millo, os canelos


Outra que fai referencia ás pernas fracas, en particular das mulleres, as canelas.
Andar en canelas , lembremos é andar coas pernas ao aire, sen medias!! ( veremos isto máis adiante)  
A maiores podemos engadir que curiosamente é setembro o mes que pola Mariña vemos recoller o millo e quedar as canouras perfectamente visibles despois da recolleita...
Ligar pernas fracas e os talos ocos do millo si ten , cremos nós, certo aquel de paralelismo creativo e por máis despectivo.
Pero aínda máis, cóntase tamén que estas bañistas adoitaban cubrirse con algas (importante achega de iodo, un dos motivos dos citados baños setembrinos). Alguhas destas algas eran coñecidas como canoucos (golfos).

Así que algas, canas do millo ou remotamente moxegas dos muíños estarán na base do despectivo que tratamos de vindicar.
Esperemos que o dicionario da RAG incorpore o significado do termo canoura como o que na Mariña oriental e, máis concretamente, en toda a ría de Ribadeo está máis ca integrado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario