23.10.23

O mar terra adentro

O Consello da Cultura Galega no ano 2004 publica este traballo inédito de Xaquín Lorenzo con gravados de Conde Corbal ( este que ilustra a entrada ,é un deles, leva por título  A chegada dos poubanos ) sobre a presenza e sentir do mar para as xentes do interior e, claro! non podía faltar a referencia aos bañistas de setembro achegando algunhas consideracións interesantes.

Deixamos aquí os parágrafos que fan referencia a estes poubanos e deixamos esta ligazón para quen desexe completar a lectura 

O que di Xocas vai a continuación:

O mar tén un grande atractivo prâs xentes do interior. É pra elas algo lonxano, cheo de poesía, que fala fondamente ô seu sentimento, espertando n-iles unha saudade estrana de cousa non coñecida. Iste máxico atractivo do mar nas xentes que viven aleixadas de íl, manifestase en varios aspectos do vivir do noso pobo e de xeitos diversos. Non pretendo eiquí esgotal-o tema, mais sí quero dar algunhas mostras de esta presencia do mar na terra adentro. Ainda non fai moitos anos era costume nos nosos campesiños que podían, «ir ôs baños» no vran, cando os traballos da terra o permitían, xuntandose algúns veciños e indo a Vigo, a Pontevedra, â Cruña…, ê porto de mar que lles pillase mais perto. Eran os chamados «poubanos», en senso despectivo, pol-as xentes da costa. Elí estaban uns dias, tomaban os seus baños, escollendo lugares ceibes de olladas alleas, e tornaban prâ casa.

Chegados de volta onda os seus, ainda seguían o tratamento dos baños, pois durante algún tempo, e coma compremento de aquiles, non traballaban, andaban moi abrigados e os seus xantares eran escolleitos, pra que a tempada de posbaños non lles prestara mal. Coistes baños líganse algunhas crências de tipo mais ou menos superticioso, especialmente as relacioadas coas ondas do mar que receben na meianoite do dia de San Xoan, e que teñen unha chea de virtudes, tanto de tipo terapéutico coma máxico. Cecais poida esta costume relacioarse c-unha ara romana atopada por min preto de Ourense e na que un astorgano adica n-esta terra tan lonxe da costa un exvoto âs Ninfas do mar. Será un voto de gratitude por algún beneficio conseguido na que hoxe é noite de San Xoan, que suplantou a calquera diviñidade indíxena? 
Agora ben; cando os campesiños tornan de volta da costa adoitan traguer coiles, en lembranza da sua estadía e como mostra do seu contacto co mar, algunhas cousas que díen permanencia na sua mente a aquiles felices dias de folganza, consistentes, pol-o xeral, en cunchas atopadas nas praias e nas que poden escoitar o bruar das ondas mariñas. É corrente que veñan con colares, caixas, marcos pra coadros, adornos e outros trebellos feitos con cunchiñas pequenas e que mercan ôs nativos dos portos en que estiveron. Istes obxetos son tema pra contar ôs veciños as suas esprencias mariñáns, enchendo uns intres nas longas noites do inverno a carón da lareira, misturando istes relatos cos contos do trasno e das bruxas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario