24.10.23

Baños prodixiosos


No blog de Shady Galicia, "Sin permiso de tu cara ni licencia de ustedes", o dezanove de agosto de 2010 publica esta entrada "Baños prodixiosos" que pensamos interesante para este "As canouras"

Vexamos:

Ide tomar nove ondas 
antes de que saia o día 
e levaredes convosco 
as nove follas da oliva. 
Romance popular 

Lémbroas nos veráns da infancia na Mariña Lucense como personaxes curiosas e de pintoresca estampa. Chamábamoslles as Carolinas ou Catalinas. Eran mulleres campesiñas que a finais de agosto, xa rematados os labores do campo, viñan “tomar os nove baños por consello de médico”. Non vistían bañador, senón brancas enaguas ou coloridos camisóns -e nalgún caso un hábito- que unha vez mollados apegábanse aos corpos regalando a olladas esculcadoras xenerosas curvas e sombranceiras carnes (de aí –coido eu- o nome de “mantidas” que recibían noutras partes do país).

 As Carolinas, temerosas da bravura do mar, refrescaban brazos e pernas nas mornas augas que se acubillaban nas covancas dos cons ou nas remansadas pozas que afondaban no areal cando xa tiña devalado a marea. As máis ousadas achegábanse aos lindes do mar e aserándose sobre da auga xogueteaban e zapicaban coa escuma das ondas que xa brandas e calmas ían morrer no regazo da ourela. Algunhas veces, e ben ancoradas á punta dun penedo, téñoas visto tender os corpos sobre da salgada superficie e así abandonarse gozosas ao deleitoso pracer de ser abaladas e tomadas por enteiro na donda oleaxe mariña. Cando isto sucedía, a bris do mar inflaba as amplas roupaxes das Catalinas e daquela deviñan aos meus ollos en cordiais cetáceos abeirados na ribeira ou en coloristas e risoñas morsas frotantes. 

O que elas non sabían, e naquel tempo eu tampouco, é que tomar “os nove baños” ten a súa orixe nun rito ancestral e pagano -que máis tarde se cristianizou-, o de “As nove ondas”. Este rito atribuía ao deus mar e a deusa lúa o poder de fecundar as mulleres ermas e desfacer os meigallos e feitizos dos demos como ben dice unha canción popular: 

Levei á miña muller/ á Lanzada, ás nove olas:/Leveina a desenfeitar/e botar os demos fóra. 

Mais da personificación do mar como amante e o seu poder fecundador, non só dá conta a tradición popular, pois amósase tamén nos versos trobadorescos das Cantigas de Amigo medievais: 

Quantas sabedes amar amigo/ treydes comig' a la mar de Vigo:/ E banhar-nos- emos nas ondas! 

Malia que segundo a crenza, a data más axeitada é o día de San Xoan e as aguas máis propicias son as da praia da Lanzada, inda están a tempo de achegarse á costa e beneficiarse da prodixiosa maxia das nosas ondas mariñas. Pero non esquezan que, para que o ritual faga o seu efecto, terán de agardar á caída da noite e espidos á luz do luar recibir o pulo de nove ondas. 

Por certo, que o beneficio no só é para as mulleres, tamén se estende aos varóns que desexen recuperar ou mellorar a súa virilidade (e nin lles conto os miragres que obra este nocturno novenario cando se fai en parella e con premeditación e alevosía). En canto aos nove baños, se non disporen de tempo ou a crise lles atufa, fagan o mesmo que aquela Catalina que aforrou os cartos dos nove días de estadía na costa sen incumprir o consello de médico: catro baños pola mañá e cinco polo serán.

A fotografía da cabeceira é sacada de A insua do Insua

Ningún comentario:

Publicar un comentario