13.12.23

Memoria viva dun poubano: fala Manuel Boullosa

Praia de Mogor ( fotografía anterior a 1965)

Na procura de información sobre Marín e as poubanas demos no facebook con un marabilloso relato en primeira persoa dun poubano, Manuel Boullosa (1),  das terras do concello da Lama (Pontevedra), cremos da parroquia da Xesta.
Memoria viva que pasamos a transcribir ( previa autorización do autor)  e ao que engadimos algunhas notas e comentarios posteriores que o post no facebook orixinou e cremos completa esta entrada.
Non temos seguridade pero intuímos que o relato podemos situalo a fins dos anos cincuenta ou máis probablemente na década dos sesenta.
Este é o testemuño:
"Moito antes de que chegase a España o invento do turismo de masas en forma de veraneantes coas roupaxes multicolor, dispostos a poñerse vermellos coma gambas nas nosas praias, os galegos de aldea xa gozaban de algo semellante. 
Algúns optaban polo termalismo, ou como se dicía popularmente "ir ás augas" a Carballiño, por exemplo, mentres que outros decantábanse por "ir tomar os baños" case sempre ás praias de Mogor ou Portocelo en Marín. 
A mediados de setembro, as nosas laboriosas aldeás do interior, despois de pasar un tórrido verán recollendo as colleitas de millo e patacas, e coa herba para o inverno a bo recado nas palleiras, marchaban á consulta do médico de cabeceira a contarlle os seus achaques e trastornos físicos...tras revisalas o doutor e receitarlles algún reconstituínte preguntábanlle:
--Don Aquilino (2), e viranme ben uns baños no mar? 
Ao que o doutor, que ademais de médico era psicólogo contestaba :
-- Iso será man de santo.
 Ao regresar ao domicilio, poñían en antecedentes ao home, e posto que era por orde facultativa, deixaban a este a cargo das faenas na aldea, aprovisionábanse de bastantes ovos e chourizos nunha cesta e recollendo os rapaces tomaban o coche de liña a Pontevedra, onde facían transbordo no "trole" (3) ata Marín, tras de varias horas de viaxe e de algún vómito matutino a causa do mareo.
Cóntase a anécdota dalgunha señora que nunca saíra da súa aldea máis alá de Ponte Caldelas e cando chegou a Marín e viu o mar exclamou: 
-Diormío, diormío, que lonxe é isto!,  aquilo que se ve alá lonxe no mar, ha de ser Cuba!
-Non tía Rosa, aquilo é a illa de Ons!
En Marín adoitaban aloxarse nalgunha pensión económica ou nalgunha casa particular con dereito a cociña, e a gozar durante sete ou nove días dos relaxantes baños de mar. 
Aínda hoxe ignoro o porqué dos días impares, tal vez teña conexión máxica co "baño das nove olas" d’A Lanzada. 
A primeira vez que me levaron a Marín, recordo que acudimos medio concello en tropel. Metade da praia de Mogor foi tomada pola gran cantidade de rapaces de aldea, mentres que a outra parte era dominada polos rapaces de Marín, que nos miraban de forma despectiva por haber invadido o seu territorio xentes de secaño;.e incluso tivemos algún pequeno altercado, todo porque nos chamaron "poubanos", ou sexa, de pobo, mentres que nós chamámolos "peixeiros"...pero non pasou a maiores.
 A verdade é que era todo un espectáculo, ver "tomar os baños" a algunhas das nosas matronas aldeás, remisas a embutirse dentro dun traxe de baño por parecerlles indecente para a moral iso de expoñer as súas brancas e rubicundas carnes ao sol, envolvíanse pudorosamente nuns amplos camisóns largos que as cubrían por completo. As roupas talares ao contacto coa auga pegábanse aos seus corpos resaltando todas e cada unha das súas concavidades, inducíndonos a non poucos pecados de pensamento, palabra e obra... 
Alameda de Marín


Ás tardes adoitabamos xuntarnos todos os coñecidos invariablemente na alameda, os maiores por un lado, para poñerse ao día no último chisme ou desgraza de algún coñecido, e os rapaces polo noso, xogando, comendo xeados, vendo unha peli de vaqueiros ou romanos no cine Quiroga, (4) ou intentando os nosos primeiros rudimentos de “ligoteo”.
Fachada do cine Quiroga
Debo confesar que nesa ocasión, con todo disposto para a marcha a mediodía, escapulinme á praia para aproveitar ao máximo a última oportunidade. Cando regresei tiven unha reprimenda importante, pois bañárame dez días seguidos, polo que houbo que abortar a viaxe e quedar un día máis para tomar o undécimo baño..."que se non, podía facerme mal".

Programa de man Cine Quiroga

O post de Manuel Boullosa ( 12 de xaneiro de 2014) xerou algunha achega nos comentarios que non nos resistimos a reproducilos por completar tan fermoso relato:
Nelly Boullosa, comenta "como recordo a ida a Marín coa sra Elvira e Hermelinda o traxe de baño confeccionado pola mesma Elvira e os baños contados sen fallar un. Que tempos!... e a ida ás augas ao Carballiño en épocas das súas festas... tampoco non as esquezo, Manuel... Que ben o pasamos!
Manuel Cortizo Tato: (...) recordáchesme a miña infancia!,eu tamen ía a Marín, e os primeiros días era unha odisea para poderme meter na agua... estaba fría de carallo !
Mari Paz Alvariño Cousiño: Eu tamén fun de pequena cos tía Lidia "ás augas" para ter apetito pois comía moi pouco... 
Amparo Antón Barreiro: (...) Eu tamén recordo eses días, a don Aquilino e as poucas visitas a Marin...
Benny Lorenzo: Fun tan feliz en Marin! que xa de casada regresei para ver se aínda acordaba da casa onde nos hospedábamos e si encontreina, a miña amada avoa Maria era a que facía posible eses momentos 

Aparte das notas que van a continuación e que paga apena ler por completar esta entrada, agradecer a autorización de Manuel Boullosa a publicar o seu relato neste blog. Grazas 

Notas
(1) De Manuel Boullosa indicar que debeu nacer en Pigarzos, A Xesta, A Lama, Pontevedra
(2) Trátase do doutor Don Aquilino González  (1920 - 1994) natural de Verducido e que tiña consulta tanto na Lama como en Ponte Caldelas ( ver ligazón )
(3) Falaremos nunha entrada posterior dos transportes que empregaban as poubanas para achegarse ao mar de Marín. Aquí deixar constancia que a transformación do tranvía (Pontevedra - Marín) na empresa dos troles produciuse no ano 1942.
 (4) O cine Quiroga fundouse no ano 1917 e pechou definitivamente as súas portas no ano 1988. Na páxina 51 do número 44 da revista Andaina hai unha pequena entrevista cunha tataraneta da primeira propietaria, Dona Amalia. Para saber máis ver esta ligazón 

Fotografías
Praia de Mogor: Sacada do blog Mogor & Rías Baixas 
Alameda: Sacada de Carriola de Marín 
Fachada cine Quiroga: Sacada da páxina de facebook, Marin en fotos
Programa de película : Sacada da páxina Todo colección

Ningún comentario:

Publicar un comentario