1.12.23

Xaora de Ana Moreiras


Dentro da procura da memoria viva das bañistas do interior, demos coa publicación recente de Ana Moreiras, Xaora, editada en Allariz pola editorial de Carlos Aira ( que xa publicara no seu momento a primeira novela gráfica desta autora,Madialeva

En Xaora fai un percorrido desde o seu Vilaformán trabadense ( Vilafruma na novela) e coa lingua ( xa o indica autora) propia da Mariña oriental na que está presente un número importante de refráns e frases feitas ben traídas, ata o Santiago da tvg con presenza do movemento "Defende a galega" e con referencias inequívocas ao famoso "editor" executor directo das noticias da man dos poderes da Xunta (ben coñecido por todos). Non esquece a memoria histórica , a desfeita da A-8 ao seu paso polo Fiouco, as múltiples filosofías terapéuticas alternativas,... e tampouco non dubidadmos da presenza de algunhas pinceladas da súa historia persoal.

A "avola" da protagonista( de aí vén que fagamos mención deste libro no blog) lembra como de nena ía "tomar as augas" a Bastiagueiro e a coincidencia de costume con Casares Quiroga  (lembremos que a filla deste, María, no seu París de residencia, tiña unha botella de area do citado areal.

Praia de Bastiagueiros 1937
Vemos pois como das terras trabadenses achegábase xente aos baños ás praias da Coruña e Oleiros.

Lembremos que en Bastiagueiro houbo desde a década dos vinte (s. XX) un balneario que completaría os baños de ola das bañistas que puidesen costealos.

Acción coruñesa, 12 de setembro de 1921

Outra cita que tamén nos toca de cheo é o uso da Chocolateira por parte destas mulleres. Lembremos que este era o nome que se lle daba ao tren de Vilaodriz, moi empregado polas canouras para se achegaren a Ribadeo

Recomendamos a lectura desta novela ilustrada desta profesora hoxe en Boiro con orixes en Trabada e Friol ( o seu Madialeva parte de Miraz, parroquia friolesa) e verdadeira activista cultural. 

Un bo agasallo de Nadal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario