11.12.23

Francisco Calo Lourido da súa "Cultura mariñeira"


Fixemos mención nunha entrada anterior ao traballo de Xaquín Lorenzo sobre os baños das labregas no mar, feito o estudo no ano 1969. (ver ligazón) Hoxe achegamos, da man de Raquel Queizás, o traballo feito por Francisco Calo Lourido sobre Estudos e investigacións sobre Xaquín Lorenzo Fernández, no Boletín nº 365 da R. Academia Galega e que leva como título "Cultura mariñeira". ( pódese ler aquí )
Despois de repasar as publicacións de Xaquín Lorenzo sobre o mar  chega ao seu traballo "O mar terra adentro" e indica:
(...) publica un artigo (...) no que anuncia que non pretende “eiquí esgotal-o tema, mais sí quero dar algunhas mostras de esta presencia do mar na terra adentro” (...).Empeza falando dos bañistas da montaña que ían tomar os baños de augas de mar e dinos que lles chamaban poubanos. Cando nós eramos picariños, aínda coñecemos moi ben xente desta que viña ó Porto do Son, así como as casas de baños onde se lles quentaba a auga (non era normal que nin eles nin os naturais se bañaran directamente no mar) (1), agora ben, nós falabamos sempre das mulleres e, polo tanto, en feminino.(...) Fai Calo referencia ao traballo de Bouza Brey do que xa falamos noutra entrada e indica que mantidas é o que empregabamos no Porto do Son. Deducimos, xa que logo, que os da zona ourensá non frecuentaban a nosa ría.
Poderiamos nós contar anécdotas relacionadas coas mantidas, pero o que ignorabamos é o que se nos narra neste traballo: cando volvían ós seus lugares de orixe, continuaban a facer as prácticas curativas prescritas polo médico, escoitaban o mar nos cornos que levaran de recordo e, polas noites, falaban do trasno, das bruxas e do mar, así, todo no mesmo plano, proba evidente de que o mar era para eles un mundo tan estraño e ignoto que figuraba no seu imaxinario ó mesmo nivel que as bruxas e o trasno.

(1) Pode semellar raro, pero a práctica de se bañar e nadar no mar é recente; agás excepcións, non vai máis alá da nosa infancia, pola metade de século. Os mariñeiros, sempre no mar, era habitual que non souberan nadar e, aínda hoxe, tivo que se poñer obrigatoria unha demostración de saber, cando menos, dar dúas brazadas para conseguir o elemental título de competencia mariñeira, imprescindible, hoxe, para traballar profesionalmente no mar. Pola contra, para ningún dos títulos de embarcacións de recreo se esixe coñecemento ningún de natación. 

Ata aquí parte das reflexións de Calo Lourido , nós así o transcribimos.
Para ilustrar a entrada engadimos unha fotografía do Arquivo do P. Gaite de un grupo de rapaces bañándose na praia "de la Sagrada" no Porto do Son. 
A fotografía indica que está feita entre  os anos 1910 e 1920.
Correspóndese coa punta da Atalaia do Son, onde se encontra a capela da Nosa Señora da Misericordia, chamada vulgarmente a Sagrada.
A fotografía é do muro de facebook da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario