10.1.24

Rafael Quintía e a Mariña inmaterial


Estes días chegou as nosas mans o libro Mariña inmaterial de Rafael Quintía. No traballo, deste recoñecido investigador, aparecen recollidas as historias míticas e lendarias asociadas a diferentes puntos da xeografía mariñá que reafirman a riqueza do lugar e explican a orixe de moitos destes espazos e, sobre todo, fixan na memoria estes fragmentos que nos identifican como pobo e que conforman o noso ser e estar.
De Trabada a Xove, pasando por Ribadeo, Barreiros, Alfoz, Valadouro, Cervo e Viveiro podemos facer unha viaxe no tempo percorrendo covas, penedos, montes, pazos, fontes, capelas, cruces, sen esquecer canda eles a presenza de trasnos, mouras, vellas, encantos, chupasangues... mesmo sitio hai para as historias do marqués de Sargadelos... 
Magnífico manual que completa a páxina Mariña inmaterial con vídeos que recollen as actividades e investigacións previas á publicación deste traballo.
Encantáronnos as alusións aos trasnos tanto ao do pazo da Escoura (Trabada) como ao do Camiño do trasno (Cervo). Eses trasgos tan presentes no imaxinario popular e que a tantas andanzas e aventuras deron pé: lembramos con cariño as contadas en Donís sobre este falcatrueiro personaxe ao que se lle tiña un medo reverencial “case como o lobo”... ata que apareceron as “lafuxés”(1) e parece que os tiros asustáronnos e xa andan menos polos camiños... "desde que se inventou a pólvora acabouse o trasgo"; tamén en Friol corrían moitos contos sobre o citado trasno...  
Lemos con agrado as referencias ás cidades asolagadas de Estabañón (Area) e S Miguel de Vilachá (o noso S Miguel de Reinante desde principios do XVII). Abondan na nosa xeografía mítica este tipo de sucedidos. 
De S Xoán da Cova, Viveiro, que dicir? Aparte dos restos da ermida no interior da cova , a fonte da que xa se recollen datos da súa calidade salutífera a mediados do XIX coa expansión do costume de tomar as augas. 
Fontes míticas como a do Ermo en Barreiros da que xa se fala na “Guía del bañista de España “de 1854... 
Notamos a falta dalgunha fonte do concello ribadense pero que seguro terá espazo máis adiante, ao igual que o resto de lugares doutros concellos mariñáns que seguro están pendentes.
Só queda animar á lectura e felicitar ao antropólogo que, aos poucos, segue enchendo de contidos a Galicia mítica á que tanto lle debemos.

Notas
(1) Lafuxé: escopeta Lefaucheux

Ningún comentario:

Publicar un comentario