10.1.24

Bíteres

Bolma rugosa e opérculos

No libro de Rafael Quintía do que falamos na anterior entrada recóllense como elementos “apotropaicos” os coñecidos ollomaos ou bíteres, como adoitan chamalos os barreirenses.

Non temos constancia de se as carolas, canónigas ou canouras estivesen polo labor de recoller estes opérculos “máxicos”, pero se facemos caso ao recollido por Xaquín Lorenzo no seu “O mar terra adentro” si é probable; máis aínda, de ser coñecedoras das súas protectoras propiedades.

Este opérculo da bolma rugosa ( astraea rugosa) é un elemento da natureza á que se lle atribúen, desde ben antigo, propiedades curativas e protectoras.

Curiosamente polo lado interior ( plano e branco) apréciase unha espiral ( símbolo vello que en Galicia xa aparece nalgúns petróglifos); polo lado exterior a rugosidade do bítere permite vislumbrar ( din ) a imaxe da virxe.

Sabemos do achado de ánforas dos tempos dos romanos cheas deles, en escavacións arqueolóxicas no Mediterráneo.

En Galicia hai constancia da súa presenza puntual nos concheiros da Punta Atalaia ( San Cibrao) segundo se reflicte en “La explotación del mar en la Galicia Romana: El yacimiento de Punta Atalaia (Galicia, Noroeste Ibérico)" de E. González, V. Bejega e C. Fernández.

Alá polo ano 1983, exercendo como mestre primeirizo no colexio público de S. Miguel de Reinante, as actividades que tiña organizadas o centro, fóra do horario escolar, leváronnos aos areais de Barreiros ( concretamente ao que daquela chamabamos a praia do Complexo) e correndo polo devandito areal atopamos estes opérculos. A alumna que naquel momento nos acompañaba, Nereida Rocha Leitón, ( cursando 6º de EXB) púxolles nome: bíteres... e ao tempo informounos das súas propiedades, indicando a sorte que significaba atopalos e a sorte que xeraba telos preto de un.

A partir dese momento fomos lendo todo o que atopabamos ao redor deste opérculo e así demos con que o gasterópodo é abondoso en todo o Atlántico europeo, mesmo chegando ás illas Canarias, e tamén no Mediterráneo.

Fotografía da web http://www.ictioterm.es/

Por todos os lugares onde vive esta “bolma rugosa” e polo mesmo se atopan os ollomaos ou bíteres , estes xeran a mesma devoción e interese, recibindo nomes ben curiosos como "jaquequeras" en Almería ( por ser bos para as dores de cabeza), ou o máis estendido "ollos de santa Lucía".

Nesta ligazón podemos ver os diferentes nomes que recibe pola costa andaluza (como curiosidade esta bolma é comercializada no mercado gaditano para o seu consumo).

No Alt Empordà, coñécense como ulls de Santa Llúcia, ou tamén como ulls de sirena. En Menorca Pedres de la Virtud; en Dénia, ulls de bruixa ou pedretes del mal de cap;  habas de mar, orejitas... 

Esta ampla nomenclatura deixa constancia do forte arraigo popular como pedra máxica e amuleto. De feito, moitos destes bíteres acaban engarzados en sortellas, aneis , pendentes,... 

En Galicia fóra do ollomao e bítere, sabemos que son tamén coñecidos como “ollos de boi vidal” ( vidal > vital: vida); ollos de boimar... e cónstanos que na parroquia focega de Santa Cilla do Valadouro, son coñecidos como "ollos magos" con referencia inequívoca das súas propiedades.

Falan de que é remedio eficaz contra orizós ( tirizós), para o mal de ollo, dores de cabeza e en xeral como amuleto protector e portador de sorte. 

Adoitan ter presenza, abondosa, nos areais da parroquia barreirense de Benquerencia; con maior incidencia en Remior, Balea, Lóngara e Pena da salsa.

Areal de Benquerencia

Tamén na costa ferrolá sabemos que son frecuentes en Ponzos e segundo indica Quintía tamén na costa de Arteixo pódense apañar, e seguramente en máis puntos dos que non temos coñecemento.

Polo Cantábrico adiante nalgunha praia astur tamén se atopan estes opérculos

Xa para rematar deixamos un vídeo onde vemos a caracola co seu opérculo no seu medio natural


E por último deixamos ligazóns a dous textos sobre a mesma temática de dúas persoas que xa non están con nós:

Un é o relato  de Isidro Novo para a páxina Galicia Encantada que coordina A. Reigosa ( ligazón

E outro a entrada que Emilio Piñeiroa fixo no blog Ribadeando (ligazón)

Só queda engadir que se algún lector ou lectora coñece máis lugares onde se recolle en Galicia estes bíteres, agradeceríamos nolo fixese saber mediante comentario ou usando o correo do blog

Ningún comentario:

Publicar un comentario