O estanque con toda a súa luminosidade |
Estes días, de xeito casual, accedemos a un texto de María Luísa Mon Bellón, sobre o esquecido estanque que na praia de san Miguel, e pola parte de atrás da casa de baños, construírase canda a casa polos propietarios da mesma.
Integrado nunha cova natural que filtra as augas da choiva que escorregan pola penedía que grazas a construción dun muro, dá orixe a este estanque, foi lugar case máxico para moitos e moitas ribadenses que, ben na súa infancia como lugar de xogo, ou ben na adolescencia dun xeito máis romántico, achegáronse ata ese espazo durante anos. Hoxe o paso está cortado polo perigo da contorna.
No estanque iniciábase un pequeno paseo que remataba no que se dera en chamar Gurugú ( miradoiro privilexiado sobre a ría ribadense), lugar hoxe ocupado polo restaurante S Miguel.
Pero pasemos ao que nos interesa que non é outra cá memoria de María Luísa sobre o estanque:"Ao longo dunha varanda que miraba ó mar erguíase unha preciosa caseta de madeira, tan ben traballada e con tantas 'florituras' que semellaba toda ela rematada con puntillas de Camariñas.
Detrás das ruínas que dela quedaban había un estanque, feito con xógaras de múltiples tonalidades, que se nutría das augas dun penedo-cova que lle daba acubillo. Era máxico, todo el cuberto de hedras e musgo.
Alí me levaba sempre meu avó e alí coñecín os meus primeiros relatos de trasnos e encantamentos. Contábame como as sereas se cansaran do
lugar e agora era habitado só por ninfas e diversas fadas".
Só queda agradecer a autora do texto e ao autor da fotografía a súa xentileza con este caderno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario