25.10.23

A chegada das canouras ( I )


Ao falar das canouras xa comentamos que o lugar de procedencia era ben dispar, había quen viña de moi lonxe e outras que se achegaban a tomar as augas desde  parroquias próximas (mesmo do propio concello) (diferentes entrevistas realizadas para a actividade Os baños de mar así o indican).

Pol, Meira, Os Oscos, Trabada, Riotorto, A Pontenova, O Piornedo de Donís (Cervantes)... e moitos máis eran diferentes puntos de procedencia destas mulleres dispostas a tomaren os correspondentes baños de setembro.

Na publicación do ano 1852 "Nueva guía del bañista en España" de Aureliano Maestre de San Juan xa se recollía  Ribadeo como lugar frecuentado polos "bañistas" referencia xeral, pero tamén única da provincia lucense no citado manual (tamén aparece Castropol no lado astur da ría). 

É dicir que xa a mediados do século XIX testemúñase presenza de bañistas nas praias ribadenses; de feito léronse por parte de Noemí Díaz Orol, na actividade citada o día 24 de setembro, no anfiteatro de Cabanela, unhas ordenanzas do concello de Ribadeo sobre as normas a cumprir nos baños xa do ano 1861, e ben sabemos que as normas van moito despois de que algo estea previamente implantado na sociedade.

Sen nos desviar do tema, o transporte ben se facía en cabalerías que atravesarían montañas e vales ( algunhas sabemos deixaban estas na Veiga e facían o derradeiro treito en carruaxes ( así o testemuñaban en Donís no ano 1995 e confirmaba Isabel Somoza na actividade comentada)

Outras virían nos coches de liña (ben, sentadas no interior ou amontoadas na baca do autocar). Seguramente usarían distintos medios para achegarse á parada destes autobuses.

As máis próximas mesmo usarían burras para achegarse aos baños ( segundo recollemos : desde a casa dos Gallopines achegábase ao Cargadoiro unha muller hospedada alí coa súa filla )

E nos dous primeiros terzos do s. XX aproveitaban o tren de Vilaoudriz para viren ata a vila ribadense .

A fotografía que ilustra a entrada colgouna Alberto Paraje no muro de facebook  "Non eres de Ribadeo..."

Deixamos nesta entrada este vídeo como testemuño do tren de Vilaodríz, curtiño pero saboroso...


Ningún comentario:

Publicar un comentario