31.10.23

De literatura oral ás fotografías das bañistas de setembro ( I )


Non é moi doado dar con fotografías das bañistas que desde o interior chegaban a nosa costa para se dar os saudables baños de setembro.

Non sabemos se as medidas que as diferentes ordenanzas dos concellos, regulando baños e lugares permitidos para uns e outras  impedindo a mestura de sexos, facía que os posibles fotógrafos tivesen dificultade de acceso para obter instantáneas, ou fose simplemente desinterese por parte dos fotógrafos; o caso é que poucas imaxes temos.

Esta en concreto do Arquivo do Padre Gaite recolle o baño dunhas mantidas na praia da Corna ( entre Palmeira e a Pobra do Caramiñal) descoñecemos data, e mesmo a súa publicación na rede xerou controversia pois hai quen sitúa a fotografía na praia de Areas Gordas na Lanzada.

Por testemuño directo dunha boa coñecedora da zona: María Dolores Domínguez, viguesa con orixes na Pobra e usuaria todos os veráns do citado areal, podemos afirmar que aínda que si está certemente descoñecida é a praia indicada. 

Por outra banda ben sabemos que a literatura popular da man de poetas, fistores e regueifeiros foi sempre un fiel reflexo da sociedade na que é creada. Exemplo emblemático témolo na  coñecida:

"Chamáchesme moreniña
á vista de tanta xente,
agora vaime quedare 
moreniña para sempre"

A denuncia dunha moza nuns tempos nos que a cor bronceada non tiña o valor social que ten hoxe; os morenos e morenas eran xentes labregas e traballadores que andaban expostas ao sol, mentres burguesía e nobreza tapaban a pel para lucir brancura permanente ( lembremos a orixe do "sangue azul", precisamente nesa brancura da pel que permitía ver as veas)
Esta muller destoutra fotografía cumpre cos preceptos de cubrición, mesmo con parasol, para evitar os raios de sol na antiga praia de Cabanela, en Ribadeo ( foto do muro de fb Litoral ribadense). Deducimos polo mesmo que non se trata de ningunha canoura, antes ben algunha muller da burguesía vilega ou veraneante.
En próximas entradas ampliaremos o tema


Ningún comentario:

Publicar un comentario