Suárbol, anos 30 do pásado século |
Contan que, antigamente este lugar chamábase Ambasaguas.
Parece que os veciños de Suárbol mais os de Valouta ( no mesmo concello) querían facer unha igrexa entre os dous lugares nun sitio que chaman o Coladín que, aínda que é máis contra Suárbol, quedaba entremedias.
Había unha imaxe da Virxe María que é a que está na igrexa hoxe. Onde está a igrexa había unha árbore. De día os de Valouta subían á Santa ao Coladín pero de noite a Santa volvía baixarse (eran os de Suárbol que querían facer a igrexa na súa aldea porque dicían que no monte a Virxe ía estar moi soa) Acabouse facendo a igrexa onde estaba a árbore e por iso ao lugar déronlle en chamar Suárbol.
Os de Valouta fixeron outra no seu sitio pero mentres os de Suárbol lle fixeron casa para o cura, os de Valouta non porque é "hijuela" de Suárbol. (A cultura popular nos Ancares, páx 32)
Dende os anos oitenta do pasado século, Suárbol ten unha estrada que a une co Piornedo , xa no concello lugués de Cervantes. Se xa tiña de sempre moita relación coa parroquia limítrofe de Donís, (os matrimonios entre a veciñanza dunha e outra provincia eran frecuentes), desde esa data e con acceso "fácil" a Donís, os rapaces en idade escolar acudían á esta escola cervantega ( xa hai anos pechada).
Suárbol reconstruído |
De Suárbol era a señora María de Naipes ( hoxe xa falecida), que cando a coñecemos ( nos primeiros anos da década do noventa) vivía xa en Donís xunto ao fillo, Pedro e a súa nora Inés.
E foi precisamente esta señora María que daquela xa superaba a barreira dos oitenta anos, a que nos contou este relato que conta a historia dun veciño que andaba no negocio do sal: "O saliñeiro do Piornedo"
Antes ían a Ribadeo polo sal. Había un veciño do Piornedo que o ía buscar e o traía nun saco ó lombo. A muller, cando lle chegaba á súa casa algunha veciña a pedirlle o sal dáballe unha cazoladiña del.
A seguinte vez que tivo o home que ir buscar o sal, díxolle á muller :
-- Desta vez vas vir comigo a Ribadeo.
E alá foron os dous. Xa en Ribadeo o señor comprou dous sacos: un máis grande e outro máis pequeno e díxolle á muller:
--Este vas levalo ti (o pequeniño).
Desde aquela cando algunha veciña lle pedía sal dicíalle ela:
-- ¡ Ala, ala, a Ribadeo a onde fun eu!.
Tamén falou a señora María que ían á Veiga de Ribadeo - hoxe Vegadeo, Asturias- a andar ou coas cabalerías. Pasaban por Navia, A Fonsagrada, A Garganta e baixaban á Veiga. Ás veces incluso chegaban a Ribadeo.
Mesmo acordan de señoras de idade que foran tomar as augas a esta vila. Ían en carruaxes desde A Veiga.
(Aquí engadimos unha nota que chega a nós nas Xornadas, o día das Canouras, da voz de Isabel Somoza que contaba en primeira persoa como lembraba que moitas destas bañistas que se achegaban en cabalerías, dos Oscos e outras zonas altas, deixaban os animais en casa da súa familia e collían ( as que tiñan posibilidade) as carruaxes , das que se fan mención no parágrafo anterior.
Ata aquí a información recollida nos anos noventa (A cultura popular dos Ancares , páx 16 e 25).
Inés López, de Casa Naipes |
Con motivo das citadas Xornadas que deron pé a este blog, Raquel Queizás quixo profundizar máis no tema das mulleres que ían a Ribadeo a tomar os baños desde os Ancares e púxose en contacto con Isolina Rodríguez da Palloza Museo de Piornedo e con Inés de Naipes ( que como xa dixemos era a nora da señora Maria).
![]() |
Portada do libro de Isolina Rodríguez |
Estas charlas deron os seus froitos, pois a información recollida ata daquela foi ampliada e serviunos para acreditar a presenza de canouras que viñan das terras dos Ancares:
"Contoume Inés o que lle contaron de Dorinda, a avoa do seu home.
Dorinda xuntábase con outras mulleres de Suárbol e os homes levábanas en cabalerías ata un sitio (A Veiga) Ao chegar ali subían a un carromato ata Ribadeo. Buscaban fonda na que paraban sobre 15 días. Ían por recomendación do médico. Pagaban con cartos a pensión, non sabe de que levaran touciño, nin nada parecido...
Moitas veces, outras mulleres que tamén estaban hospedadas na pensión, metíanse con elas chamándolle "montañesas" (o máis fino). E elas, aconselladas pola propia dona da pensión que non quería perdelas coma hóspedes, defendíanse dicindo:
"Sardiñeiroaaaaas, "jalocho arrastro".
Ata aquí o que sabemos destas valerosas mulleres, e non só das que baixaban á Mariña darse os baños, senón tamén destoutras que nos achegaron a historia que aquí transcribimos.
As fotografías pertencen
á páxina 60 años de aquel febrero de 1957 en que el fuego arrasó Suárbol
e á paxina The pandeira
Ningún comentario:
Publicar un comentario