7.11.23

De guías, bañistas, montañesas, ordenanzas,...

A preocupación pola interacción saúde-hixiene e polo uso da auga como elemento terapéutico vén de vello.
Xa na segunda metade do XVIII podemos ler manuais que dan indicacións ao respecto. 
Temos noticia de que o propio Gaspar M de Jovellanos, recluído no Castelo de Bellver a principios do s XIX  solicitaba permiso real para poder tomar baños de mar dado a súa precaria saúde.
E de seguro a cousa vén de moito máis atrás.
Lembremos os nove baños da Lanzada sen saír da casa: a súa orixe pérdese na noite dos tempos; sen pararnos no uso curativo e máxico das fontes que percorren a xeografía do noso país (queda para outra entrada).
Houbo máis libriños dedicados ao uso correcto das augas, sobre todo as medicinais dos diferentes balnearios peninsulares. 
O primeiro que atopamos, nós, con inclusión dos baños salinos correspóndese coa publicación no ano 1852 dunha Nueva guía del bañista en España escrita por Aureliano Maestre de San Juan. 
Evidentemente ten que haber publicacións anteriores (o adxectivo nueva) non deixa lugar a dúbidas.
Pero vale este como inicio, nel (1852 repetimos), faise unha relación dos lugares máis frecuentados polos bañistas neses tempos en toda a costa  e xa aparece Ribadeo ( único da provincia de Lugo) ao igual que Castropol do outro lado da ría.
O concepto bañista está claro; o que non está tan nidio é a diferenza entre un ou unha aséptica bañista, que seguen as modas da nobreza borbónica e a burguesía en Santander ou Donostia,  e as nosas labregas que coa súa suor daban chegado a tomar os seus terapéuticos baños cando o verán empezaba a declinar.
Dicimos isto, porque en innumerables lugares vemos fotografías que non fan diferenza e mesmo chaman a confusión.
Para mostra 2 fotografías do fb "Fotos antiguas de Vilagarcía de Arousa":

A de arriba claras mantidas (bañistas labregas) e a de abaixo simples bañistas que aproveitan o verán para tomar salutíferos baños; pero nin as roupaxes, nin o tempo (deixan as praias cando chegan as mantidas), nin os posados correspóndense coas humildes "montañesas" que nos ocupan.

O que si sabemos con certeza é que os baños de mar que se foron, como estamos vendo, xeneralizando, crearon algúns problemas de convivencia nos areais, que tiñan que ver co decoro e a moralidade: os "bos costumes". 
As cousas foron cambiando ao longo dos anos pero ao principio cando se asentou o hábito dos baños de mar, os concellos tiveron que establecer normativas estritas e incluso diferenciar zonas de baño dependendo dos sexos... e engadir as prohibicións correspondentes ás citadas medidas.
En 1861 Ribadeo (o concello) dita unhas normas ( chegan a nós da man de Alberto Paraje a través de Noemi Díaz Orol ) para tentar de acoutar zonas de baño e mesmo tempo de permanencia nos lugares designados
Situémonos a mediados do s. XIX e dar lectura a algunha das citadas ordenanzas esquecendo o presentismo

Estas normas eran esixidas polos bos cidadáns e servían de ferramenta electoral nas diferentes contendas. A prensa local das diferentes vilas mariñeiras están trufadas de sesudos artigos argüíndo a necesidade de atallar a excesiva voluptuosidade das bañistas, as inmoralidades e certas indecencias.
Por certo! sempre poñendo o ollo no papel que xogan as mulleres.
Estes próceres, claro está, no seu deber de vixilantes seguro acudían prestos a ver que se cocía nos areais; non por regalar o ollo, en absoluto!, como labor informante para despois do café e a partida, poder opinar e enviar o artigo con máis detalles á prensa local. 
Quen desexe consultar máis polo miúdo as Ordenanzas completas pode facelo nesta ligazón



Ningún comentario:

Publicar un comentario