6.11.23

Presentación na prensa dos "Baños do mar"

Nota de prensa en La Voz de Galicia do 21 de setembro de 2023, presentando as xornadas Setembro x Natural e en concreto o relacionado coas canouras e a caseta de baños.
Presentación feita pola guía e colaboradora deste blog Noemí Díaz Orol. 

Así eran os baños en un thalasso de hai cen anos no Norte galego




Ribadeo divulga a historia das «canouras» e os 9 baños de setembro en Setembro X Natural e a actividade «Baños de mar» esta fin de semana. 
Coñécese como talasoterapia ao «tratamento ou curación a través de sustancias mariñas» e a raíz da devandita palabra grega (thalasso) significa mar. O Cantábrico espertou un costume arraigado no tempo, os baños de setembro, que tivo fama e aínda ten eco na Mariña, lembrando o nome que recibían as mulleres que outrora os realizaban: «carolas» en Foz ou Barreiros ou «canouras» en Ribadeo. Destas últimas falará Noemi Díaz Orol en «Baños de mar» do ciclo Setembro x Natural do Concello ribadense esta fin de semana.
Como guia da visita pero tamén como «neta de Josefa Fernández Santos, canoura». 
Explica que chegaban a Ribadeo a «dar os 9 baños de setembro unha vez rematados os traballos da malla e recolección das colleitas», en grupos familiares ou veciñais e aloxándose en casas locais. Procedían principalmente da Ribeira de Piquín, Pol ou Meira, desprazándose en rutas especiais de autobús da Empresa Ribadeo, ou as de Riotorto e A Pontenova no tren de Vilaodriz.
Recomendados por médicos ou divulgados socialmente, estes nove baños eran un período de relax tras o duro labor do campo e para mellorar a saúde ao «reforzar o sistema inmune de cara ó inverno, evitar enfermidades coma o bocio grazas ás algas ou á inxesta de peixe ou favorecer o apetito e o crecemento e desenvolvemento dos nenos», sinala. Máis beneficios, en caso de problemas de pel ou articulatorios, mesmo en depresións, agrega a guia. 
Considera Noemi Díaz que foron as primeiras turistas: «Elas non só pagaban a estancia, senón que incluso ás veces deixaban parte dos produtos que traían do rural nas casas onde se aloxaban». 
Á volta, algunhas «volvían á súa terra coas alforxas das súas burras cheas de sal, produto difícil de conseguir en zonas afastadas da costa e esencial para a conservación dos produtos da matanza», engade, indicando que o termo de «canoura» tiña naquela época certo significado despectivo, chegando a ser obxecto de bromas por parte de rapaces do lugar"
Noemi Díaz sinala, ademais, que «non había, normalmente, relación entre as canouras e os ribadenses». Excepto coas súas caseiras, que estaban sobre todo nas zonas máis próximas ás praias onde se daban os baños: Cabanela, San Miguel e O Cargadoiro. Os baños tiñan a súa propia normativa, «conservándose incluso unha ordenanza do ano 1861» en Ribadeo, agrega. 
 «Só as mulleres procedentes das familias máis acomodadas do interior podían permitirse o luxo- sinala a guía - de ir dar os chorros na casa de baños, lugar que nun principio estaba destinado só a mulleres e que era frecuentado maioritariamente polas matriarcas das familias máis podentes de Ribadeo». 

A casa de baños

 


A caseta de baños de San Miguel, A Cantábrica, tiña dúas escaleiras para baixar á praia e dous cuartos de hidroterapia (baños quentes, duchas e baños de asento). 
Construíuse na primeira década do século XX, baixo solicitude de 1891 do médico Federico Martínez Montenegro, demandando ao presentar o proxecto «unha casiña onde as damas (máis adiante permitiuse o acceso masculino, dividindo as instalacións por sexo) poidan polo menos estar a gusto» e atendendo á «necesidade de preparar un lugar salubre para os baños, así como dotar ó peirao de Ribadeo dunha instalación destinada ó coidado corporal», explica a guia. 
Díaz Orol indica que as «canouras» identificábanse pola súa vestimenta : «Unha enagua branca de tea de saba que se inflaba coa brisa mariña e se levantaba ó flotar segundo as mulleres se ían introducindo na auga.
As bañistas ribadenses distinguíanse xa, en determinada época, das anteriores polo uso do bañador». 
Mentres, queda aínda moito por indagar sobre o tema, un grupo dunha decena de persoas realiza esta semana os nove baños, que finalizarán o 24. «É unha experiencia que tamén nos está aportando a nivel emocional». 
Este artigo incorpórase ao blog por ser parte primixenia desta andaina nacida a raíz da procura de información sobre as canouras e casa de baños que levaron a cabo tanto Noemí Díaz, como Raquel Queizás, Ana Fernández e un logo etc.
Das alfombras sacudidas, das ventás que se foron abrindo e das memorias desenferruxadas foise xuntando aos poucos información que van nutrir este caderno 

Ningún comentario:

Publicar un comentario